Escoitar

Villa Solita programa en xullo e agosto oito concertos gratuítos de música diferenciadora

O alcalde presentou este luns a sétima edición de Curiosidades Solita, o ciclo municipal que ofrece música en directo de pequeno formato todos os venres desde o 3 de xullo ata o 21 de agosto. Os concertos serán ás 21:00 horas, con entrada gratuíta ata completar aforo.

luns, 29 xuñ 2026

O Concello de Vigo retoma este verán unha nova edición de Curiosidades Solita, o proxecto cultural que achega á Villa Solita propostas musicais emerxentes e diferenciadoras durante os meses de xullo e agosto. A programación celebrarase todos os venres desde o 3 de xullo ata o 21 de agosto, ás 21:00 horas, con entrada gratuíta ata completar aforo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que se trata dun “proxecto cultural magnífico” que ofrece “música en directo en pequeno formato” nun enclave, Villa Solita, “que rehabilitamos recuperando unha parte do patrimonio e da historia da cidade para convertelo nun espazo cultural”. Caballero destacou que o programa vén desenvolvéndose por parte do Concello nos últimos sete anos e que nesta edición contará con oito concertos de estilos moi diversos. O rexedor sinalou que Villa Solita acollerá “propostas de grupos emerxentes e de cultura diferenciadora” nun formato próximo, gratuíto e aberto á cidadanía.

A sétima edición incorpora ademais por primeira vez unha proposta internacional: Os Barbosas, chegados desde Maia, Portugal, que abrirán o ciclo o venres 3 de xullo. O grupo presenta unha proposta de punk rock con cancións rápidas, enerxía, humor e referencias á cultura popular.

A programación continuará o 10 de xullo con Furanchology, power trío que combina psicodelia, soul e jazz instrumental con composicións propias e un directo de forte personalidade. O 17 de xullo será a quenda de Gandhi Boxing Club, banda viguesa que aposta por temas propios e pola mestura libre de estilos.

O venres 24 de xullo actuará From Ashes to Dust, dúo DIY de Vigo que se move entre o metalcore, o posthardcore e o deathcore, cunha proposta intensa e emocional. O 31 de xullo chegará a Villa Solita Sanny, artista viguesa cun estilo vencellado ao folk, ao indie e ás sonoridades intimistas.

Xa no mes de agosto, o ciclo continuará o día 7 con Roxana Mouriño, cun proxecto en solitario arraigado nas raíces galegas e mariñeiras, aberto ao diálogo con outras músicas e estilos como o flamenco. O 14 de agosto actuará Läcón sïn Jrëlos, proxecto de postpunk en galego cun ton desenfadado e letras de fondo melancólico.

A programación rematará o 21 de agosto con María Reirís Quartet, formación que presenta un repertorio con boleros clásicos, bossa nova e standards de jazz, entre outros estilos.

O alcalde salientou a variedade da programación, que mestura punk rock con referencias á cultura popular, psicodelia, soul, jazz instrumental, metalcore, posthardcore, deathcore, folk, indie, música de raíces galegas, flamenco, postpunk, bossa nova e standards de jazz. “Unha oferta cultural marabillosa nun sitio inigualable: Finca Solita”, afirmou Caballero, destacando o papel deste enclave municipal como espazo de encontro para a música, a cultura e a recuperación do patrimonio da cidade.

Descargar todas as imaxes