Escoitar

O Goberno de Vigo reclama á Xunta “profundas reformas” no PIA de Cantabria, Ramón Nieto e Santa Cristina

Caballero explicou que o Concello enviará alegacións ao informe ambiental estratéxico do Proxecto de Interese Autonómico ao considerar que aumenta a edificabilidade e as alturas sen garantir dotacións, zonas verdes, accesibilidade nin conexións adecuadas co resto da cidade.

luns, 29 xuñ 2026

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este martes de que o Concello enviará alegacións ao informe ambiental estratéxico do Proxecto de Interese Autonómico das rúas Cantabria, Ramón Nieto e Santa Cristina, promovido pola Xunta de Galicia. O rexedor reclamou “profundas reformas e moitísimas melloras” ao considerar que o documento é “extraordinariamente deficiente” e debe ser reformulado.

Caballero explicou que a primeira alegación municipal reclama á Xunta que reconfigure o solo dotacional previsto no ámbito, con dimensións adecuadas para atender ás 1.500 novas familias que se prevé que vivan nesta zona. Segundo indicou, respecto ao Plan Xeral de 2025, o PIA propón incrementar a edificabilidade do ámbito, pero non aumenta proporcionalmente o solo destinado a dotacións, espazos verdes ou zonas libres.

O alcalde advertiu de que esta formulación suporía “un déficit de dotacións importantísimo” respecto ao planeamento vixente e ao modelo urbano que está a desenvolver a cidade. Ademais, apuntou que as dotacións previstas aparecen repartidas en varios espazos pequenos, situados nos límites do ámbito, mal comunicados e en solos con orografía complexa, o que dificultaría a implantación de equipamentos públicos.

Neste sentido, o Concello considera imprescindible reservar parcelas axeitadas para equipamentos como polideportivos, centros de saúde ou centros de asociacións, xa que o documento actual non contempla espazos coas características necesarias para este tipo de usos. Caballero resumiu a situación sinalando que o PIA propón “máis edificación, máis alturas e peor calidade na zona”.

O Concello tamén alega que o proxecto incrementa o número de alturas previsto polo PXOM para este ámbito sen xustificar a súa necesidade. Para o goberno municipal, este aumento debe ser revisado e motivado adecuadamente, tendo en conta o impacto urbanístico, paisaxístico e dotacional da actuación.

Outra das cuestións recollidas nas alegacións municipais é a mellora da accesibilidade ao CEIP O Pombal, xa que o ámbito é lindeiro co centro educativo, que actualmente presenta limitacións no seu acceso. O Concello considera que, dado que o proxecto prevé a creación dunha nova vía, esta infraestrutura debe aproveitarse para mellorar a entrada e saída ao colexio.

Caballero incidiu tamén na necesidade de garantir a mobilidade entre o novo ámbito e o resto da cidade. A actuación arranca na rúa Cantabria, salta a Ramón Nieto e continúa cara a Santa Cristina, polo que o Concello reclama unha conexión axeitada cos viarios municipais existentes. “O ámbito non pode ser unha illa dentro da cidade”, afirmou o alcalde, quen defendeu que debe estar ben comunicado cos viarios lindeiros e coa dimensión adecuada. Na zona de contacto con Ramón Nieto, o Concello propón ampliar as beirarrúas e deseñar un miradoiro e espazo de lecer cidadá. O goberno local considera que o proxecto debe reforzar os espazos públicos e evitar que a nova actuación quede illada ou mal integrada no tecido urbano existente.

As alegacións municipais tamén recollen que a mobilidade non está garantida porque os novos viarios proxectados non están conectados debidamente cos xa existentes. Por iso, o Concello reclama á Xunta que amplíe a zona de intervención se é necesario para asegurar os accesos co viario municipal e garantir unha conexión urbana adecuada.

O Concello demanda ademais un estudo específico de mobilidade peonil con medios mecánicos nas conexións con Severino Cobas, Ramón Nieto e Martínez Garrido. Esta comunicación resulta especialmente importante no caso de Ramón Nieto e Martínez Garrido, por seren eixes polos que circularán boa parte dos autobuses que darán servizo ao ámbito.

Finalmente, Caballero defendeu que a Xunta debe incorporar solucións modernas de accesibilidade, como ramplas ou medios mecánicos, para salvar os desniveis e conectar correctamente o novo desenvolvemento coa cidade consolidada. Amais criticou que o proxecto, tal e como está formulado, non responde ás necesidades dunha cidade moderna e reclamou unha actuación con máis dotacións, zonas verdes, espazos de lecer, conexións peonís e viarios adecuados.

 

Descargar todas as imaxes