O Concello aproba convenios coa Fundación Menela e Fundamar para apoiar ás persoas con TEA e visibilizar ás mulleres do mar
A Xunta de Goberno Local aprobou dous acordos de colaboración: un coa Fundación Menela, por importe de 32.000 euros en catro anos, e outro con Fundamar, dotado con 10.000 euros para desenvolver en 2026 o programa “Sereas, as mulleres do mar”.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns da aprobación do convenio de colaboración coa Fundación Menela para apoiar as persoas con TEA e as súas familias. O acordo conta cunha achega municipal de 32.000 euros para catro anos, a razón de 8.000 euros anuais.
Caballero explicou que o obxectivo é “facilitar a integración social e a conciliación familiar das persoas afectadas cun trastorno da conduta autista” e destacou ademais o labor desenvolvido pola entidade: “Menela fai un traballo excepcional e queremos estar apoiándoos todo o tempo”.
Convenio con Fundamar
O Concello tamén aprobou un convenio de colaboración con Fundamar para o desenvolvemento, no ano 2026, do programa “Sereas, as mulleres do mar”, cunha achega municipal de 10.000 euros.
Segundo explicou o rexedor, “é unha plataforma para a difusión do papel da muller no sector mar-industria”. O obxectivo do convenio é divulgar e poñer en valor a contribución das mulleres no sector extractivo e transformador dos produtos do mar.
Caballero subliñou que a achega das mulleres neste ámbito “foi unha parte substancial do noso patrimonio inmaterial”, imprescindible para comprender a configuración das comunidades costeiras e a evolución social, económica e cultural vinculada ao mar.