Escoitar

A bandeira azul xa ondea no novo paseo de Samil

O alcalde achegouse ao acto de izado deste distinto medioambiental co que contan 12 praias de Vigo. “Somos a cidade de España con máis bandeiras azuis”, declarou.

martes, 30 xuñ 2026

Abel Caballero participou este martes no izado da bandeira azul na zona do novo paseo de Samil. Vigo suma este ano doce distintivos nas praias de O Mende e A Punta en Teis, Bouzas, Carril e Santa Baia (Alcabre), A Fonte, Samil Dereita, Fontaíña, O Vao, Canido, Fortiñón e Rodas.

O rexedor puxo en valor o esforzo realizado polo Concello para manter estes recoñecementos internacionais e asegurou que as bandeiras azuis se conseguen polo investimento do Concello en todos os areais. Ademais das bandeiras azuis, a cidade continúa reforzando o seu liderado ambiental coa obtención de 14 sendeiros azuis, dos que nove son novas incorporacións. “Somos tamén unha cidade cun número extraordinario de sendeiros azuis”, afirmou, salientando a aposta municipal pola conservación do litoral e pola calidade ambiental dos espazos naturais da cidade.

Caballero informou tamén que a praia de Alcabre recuperou hoxe a normalidade e xa está aberta ao baño, despois de que onte se producise a rotura dunha bomba de alivio que ocasionou unha vertedura. Segundo explicou, a incidencia foi reparada con rapidez.

Ocupación hoteleira

A última fin de semana de xuño deixou unha ocupación hoteleira do 86%. Caballero celebrou o éxito do turismo en Vigo, “con altísima calidade, amable, familiar, grupos de amigos, turismo de praia e congresos...”.

Descargar todas as imaxes