A Empresa Municipal de Vivenda asume a construción, rehabilitación e alugueiro de vivenda a prezo taxado
A Xerencia de Urbanismo aprobará a semana que vén a constitución da Empresa Municipal de Vivenda, cuxa posta en marcha coincidirá coa construción de 227 vivendas de protección en Santa Cristina e Esturáns.
Abel Caballero avanzou esta mañá a recepción dun informe favorable para continuar coa creación da Empresa Municipal de Vivenda de Vigo EMVIGO. A tramitación do expediente, explicou, continuará a semana que vén coa aprobación na Xerencia de Urbanismo o martes 7 de xullo, como paso previo á aprobación plenaria. A partir de aí, o expediente someterase a información pública durante 30 días hábiles e, se non houbera alegacións, quedaría aprobado de xeito definitivo.
O alcalde lembrou que a Empresa Municipal de Vivenda parte dun capital de 8,6 millóns de euros -transferidos integramente desde o Concello – coa finalidade de actuar na urbanización, promoción e construción de de vivenda protexida a prezo taxado e xestión de alugueiros.
A actividade desta sociedade anónima arrancará coa construción de 200 vivendas en Santa Cristina e 27, en Esturáns. Tamén se actuará na rehabilitación de inmobles nas chamadas zonas ARIS (Áreas de Rehabilitación Integral) con fondos procedentes do Goberno de España. Con ese programa, detallou Caballero, xa se reformaron 400 vivendas na cidade.
A EMVIGO, así mesmo, será a encargada de xestionar o programa de alugueiro municipal. Ademais, se así o desexan os propietarios, promoverá a concesión de subvencións para facilitar o alugueiro, a rehabilitación, a elaboración de certificados de eficiencia enerxética ou a contratación de seguros. O obxectivo é facilitar a posta en alugueiro de inmobles baleiros que se recuperarán en perfecto estado despois de cinco anos. O importe deste programa é de 2.1150.000 euros e as achegas poden solicitarse ata o 1 de outubro de 2027.