Escoitar

Begoña Caamaño dará nome á nova praza do Calvario

O alcalde anunciou este venres que a autora viguesa, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026, “merece memoria eterna” polo que a praza pública que conecta a peonil do Calvario con San Roque levará o seu nome.

venres, 15 mai 2026

Abel Caballero participou este venres na inauguración de “Begoña Caamaño no Calvario vigués”, unha exposición formada por seis paneis con ilustracións, fotos antigas e textos do libro “A nena que perdeu un zapato na lama” de Ramón Nicolás, editado por Galaxia, no que o autor recupera a infancia da xornalista e escritora, que naceu neste barrio.

A mostra está comisariada por Ramón Nicolás e coordinada por Xesús Domínguez Dono, con deseño e a maquetación de Hayat Husein e as ilustracións de Carlos Gallego, que asina tamén a parte gráfica do libro. Para a mostra contouse coa colaboración do arquivo fotográfico da Asociación de Veciños do Calvario, co Arquivo Begoña Caamaño e co Arquivo da Editorial Galaxia.
No acto de inauguración, celebrado hoxe na peonil do Calvario, o alcalde explicou que a exposición “é unha forma de rescatar para a memoria eterna a unha muller extraordinaria e cunha capacidade literaria fantástica” e felicitou a Ramón Nicolás pola súa obra. Así, referiuse aos cambios experimentados pola cidade desde a infancia de Begoña apuntando que a configuración das urbes vai “cambiando á velocidade que a sociedade avanza”. Neste sentido, explicou a obra de recuperación do espazo público que o Concello realizou hai uns anos conectando a través dunha “nova praza fermosísima” a rúa Urzáiz e a rúa San Roque. Ese novo espazo chamarase Begoña Caamaño porque “merece memoria eterna e esa praza tan bonita levará o seu nome. Queremos que permaneza na memoria para sempre”, anunciou Caballero.

Xosé Manuel Soutullo, director de Galaxia explicou que a exposición foi pensada para achegar a figura de Begoña Caamaño á veciñanza do Calvario, que foi o seu espazo vital ata os 12 anos. Ramón Nicolás, autor de “A nena que perdeu un zapato na lama” agradeceu a tódalas institucións a vontade por divulgar a figura de Begoña Caamaño e trasladou a súa ilusión pola homenaxe á autora, que considera “un agasallo” e pola colaboración do alumnado do IES Castelao. Beatriz Caamaño, irmá da homenaxeada, agradeceu o traballo que fixo posible a exposición, tamén o libro, e salientou a importancia de que “as novas xeracións” coñezan a figura e a obra de Begoña.

Na inauguración de “Begoña Caamaño no Calvario vigués” participaron tamén Carmela Silva, tenente de Alcaldía; Gorka Gómez, edil de Cultura; Beatriz Caamaño, irmá de Begoña; Carlos Gallego, ilustrador; María Pereira, directora de Merlín Comunicación da Editorial Galaxia e unha representación da Asociación de Veciños do Calvario.

 

 

 

Descargar todas as imaxes