A humanización da rúa Lepanto estará completa no mes de xuño
O alcalde abordou este xoves o progreso da obra de humanización que, tras aprobar un modificado na Xunta de Goberno, poderá rematar a inicios de verán. Recibiu luz verde tamén a adxudicación das obras para a humanización da rúa Mondariz, que contará cun investimento de 780.000 euros.
A Xunta de Goberno acaba de aprobar "un modificado de obra favorable ao Concello por variacións nas medicións”, explicou Caballero, que contempla a diminución de algo máis de 10.000 euros do custo da execución. Tras este trámite obrigatorio, “porque é un dereito e non podemos renunciar aos fondos públicos de ningún xeito”, a humanización da rúa pode continuar a súa marcha “cos últimos detalles”. Caballero indicou que “a principios de xuño poñeremos a rúa en marcha e quedará marabillosamente ben humanizada a rúa Lepanto”.
As obras teñen un importe superior ao millón de euros e as actuacións executadas supoñerán a renovación íntegra da pavimentación actual, tanto das beirarrúas como da vía e dos principais servizos urbanos. Cámbiase a iluminación con 19 novos puntos de luz e as redes de saneamento e abastecemento; instálanse 3 novos semáforos e plántanse 22 árbores en ambas as beirarrúas, 120 especies arbustivas e unha nova rede de rega. Amais, quedará renovado todo o mobiliario urbano e a conexión co túnel da AP9 e co aparcamento.
Humanización rúa Mondariz
Este venres quedou adxudicada tamén a contratación das obras de humanización da rúa Mondariz, cun investimento de 780.000 € e 5 meses de prazo de execución, informou o rexedor, que cualifica a actuación de “altísimo estándar”. Comprende un ámbito de 135 metros lineais e inclúe a ampliación do espazo destinado aos peóns, así como a creación dun novo espazo público de calidade nas proximidades do colexio Seis do Nadal. A isto sumarase a reordenación das prazas de aparcamento; a instalación de 22 novas luminarias; a plantación de 10 novas árbores; a instalación de 5 bancos e papeleiras e a renovación de todas as redes de servizos.