Escoitar

As farmacias viguesas serán puntos violeta contra a violencia machista

Abel Caballero e Carmela Silva, primeira tenente de Alcaldía, asistiron á xornada formativa organizada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra e o Colexio de Farmacia de Pontevedra para que as farmacias da cidade se incorporen á rede de espazos seguros para as mulleres que sofren calquera tipo de violencia machista.

xoves, 14 mai 2026

A sede do Colexio Oficial de Farmacia da provincia de Pontevedra acolleu este xoves un encontro formativo para os profesionais sobre a configuración destes establecementos como puntos violeta, espazos seguros para as vítimas da violencia machista. As pontevedresas serán as primeiras farmacias de Galicia en sumarse a esta iniciativa que xorde dun convenio asinado entre o Ministerio de Igualdade e as farmacias.

O alcalde sinalou que se trata dun “paso moi importante porque as farmacias sodes unha institución, pola proximidade do profesional, polo diálogo permanente coa cidadanía”, polo que puxo en valor que se convertan en puntos de protección para as mulleres e felicitou ás farmacias por sumarse á iniciativa.

Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra agradeceu ao Colexio de Farmacia de Pontevedra a colaboración neste ámbito destacando o papel das boticas “no ámbito urbano e especialmente no rural, pola súa vocación de servizo e por seren un referente social”.

Na xornada participaron tamén María José Rodríguez, responsable da Unidade de Violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra; Beatriz García, presidenta do Colexio de Farmacia de Pontevedra; o inspector Feijóo, xefe da Unidade de Atención á Familia e á Muller da Policía Nacional en Vigo e o capitán Rafael Perera da Garda Civil, entre outras autoridades.

Con esta campaña, as mulleres poderán atopar nas farmacias que se incorporen á rede de puntos violeta información sobre os recursos policiais e asistenciais dispoñibles ante unha situación de violencia machista.

Descargar todas as imaxes