Escoitar

“Pint of Science Vigo” leva a ciencia aos bares

O alcalde participou este xoves na presentación do festival gratuíto de ciencia en bares que se celebra entre o 18 e o 20 de de maio. Trátase do maior evento internacional destas características, con accións nos cinco continentes e no que investigadores de todas as disciplinas comparten o seu traballo co público nun ambiente pouco habitual para a ciencia: os bares.

xoves, 14 mai 2026
Momento da presentación en rolda de prensa
Momento da presentación en rolda de prensa

“Unha gran opción na cidade, unha forma de entender a ciencia” apuntou o rexedor na presentación, convidando á cidadanía a sumarse a esta proposta e felicitando á organización pola iniciativa.

Ara Núñez Montenegro, coordinadora local de Pint of Science Vigo, e doutora en Química pola Universidade de Vigo, explicou que a cidade se sumou a esta proposta no ano 2018 coa idea de que a ciencia “ten que chegar á cidadanía porque a investigación se realiza con fondos públicos, porque a cidadanía debe poder satisfacer a súa curiosidade e contribuír á construción dunha conciencia social máis crítica e informada”. Salientou tamén o ambiente próximo e distendido do bar como propicio para achegar os resultados científicos e o feito de que as investigacións sexan explicadas polas persoas que as levan a cabo, “algo moi particular e diferenciador deste evento”, no que se abordan tódalas áreas de coñecemento.

Na presentación estiveron tamén Olga Alonso, a concelleira de Educación; Juan José López Escobar e Reyes Riveiro Castro, coordinadores de Pint of Science Vigo e Roberto Pérez González, de Optase Solutions, patrocinador de Pint of Science Vigo.

Pint of Science é o festival gratuíto de ciencia en bares que se celebra entre o 18 e o 20 de de maio en Vigo. Nesta undécima edición participan 1.300 investigadores e investigadoras e 114 cidades de toda España, incorporando como novidade 23 localizacións en áreas rurais. En Vigo haberá 14 charlas científicas no Castro e De Catro a Catro con temáticas que van desde a tecnoloxía á biomedicina, a química ou o estudo do planeta.

A principal novidade está na I edición de Pint Kids, que incorpora charlas para o público infantil (de 8 a 12 anos) o martes 19 ás 17:30 horas en De Catro a Catro co obxectivo de espertar a curiosidade científica desde a infancia.

Nas charlas de Vigo participarán a investigadora María Mayán, que falará do cancro; Antonio Figueras, que disertará sobre o superpoder do mexillón; e Saida Ortolano, que abordará as enfermidades raras.

A programación completa pode consultarse na web https://pintofscience.es/events/vigo.

Descargar todas as imaxes