Escoitar

A construción do novo macroparque infantil de Finca Matías comeza no mes de xullo

A Xunta de Goberno aprobará mañá a adxudicación das obras do macroparque infantil da Finca Matías, un proxecto que converterá este ámbito situado entre Travesía de Vigo e a rúa Aragón no maior espazo de xogos da cidade. A actuación contará cun investimento de 2.850.000 euros e un prazo de execución de oito meses.

xoves, 14 mai 2026

Caballero destacou que esta intervención se completará co proxecto das tres novas ramplas mecánicas xa aprobado en xaneiro, que conectarán Travesía de Vigo coa rúa Aragón, Travesía de Vigo 98-100 e Toxal, cun investimento adicional de case 2 millóns. En total, o Concello destinará máis de 4.763.000 euros á transformación integral desta zona da cidade.

O proxecto contempla a creación de dúas grandes áreas diferenciadas separadas pola rúa Toxal, así como a adecuación de todos os accesos para garantir a conexión integral do macroparque. O novo espazo incluirá zonas de estancia con mobiliario urbano renovado —bancos, mesas, papeleiras e fontes—, ademais da modernización completa dos servizos urbanos.

As actuacións abranguen tamén a renovación do alumeado público con sistemas de alta eficiencia, redes de saneamento, abastecemento, enerxía, gas e telecomunicacións, así como o acondicionamento dos peches e muros existentes.

O alcalde puxo en valor a importancia do proxecto, que incluirá nova xardinería, plantación de céspede, pantallas vexetais, novos exemplares arbóreos e protección da vexetación xa existente. Ademais, instalaranse novos sistemas de rega para garantir o mantemento das zonas verdes.

Descargar todas as imaxes