Vigo celebra un concerto en lembranza de Begoña Caamaño
Máis dunha ducia de artistas acompañarán este sábado á cantautora Uxía Senlle no Concerto das Letras Galegas organizado polo Consello da Cultura Galega co apoio do Concello de Vigo. Terá lugar, a partir das 20.30 horas, no Auditorio Mar de Vigo e contará con entrada de balde ata completar o aforo.
Wöyza, Su Garrido Pombo, Raquel Domínguez, Quim Fariña, As Mosas, Malvela, Margarida Mariño máis as nenas do CEIP de Petelos Alba Alonso, Alba Lago, Adela, Ariana, Martina e Carla, acompañarán a Uxía no escenario do Auditorio Mar de Vigo.
Organizado polo Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Concello de Vigo, esta proposta percorre a traxectoria literaria de Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras Galegas, e os seus gustos musicais. O concerto, de entrada libre e gratuíta, poderá seguirse en directo a través da web do Consello da Cultura Galega.
O programa inspírase nos textos literarios e no labor xornalístico e radiofónico da autora homenaxeada. Serán 14 pezas que transitan do íntimo ao festivo e no que Uxía Senlle rende homenaxe á memoria dunha das súas grandes amigas. Ao mesmo tempo, a proposta percorre tanto os gustos musicais de Begoña Caamaño como aquelas composicións que acompañaron a súa traxectoria profesional. A proposta enriquécese coa presenza de artistas de procedencias e sensibilidades diversas que achegan unha fonda mestizaxe musical e xeracional ao concerto.
Musicalmente, o Concerto das Letras Galegas xunta unha ampla diversidade de estilos que converten a proposta nunha experiencia única. O público poderá atopar ecos da música tradicional galega, da canción de autora, do folk atlántico e das sonoridades lusófonas, que caracterizan a traxectoria de Uxía Senlle, mais tamén influencias do jazz, do soul, da música popular brasileira, da música coral e mesmo de expresións contemporáneas próximas ao hip-hop.
A combinación de voces femininas, percusión tradicional, acordeón, cordas acústicas e eléctricas e contrabaixo crea unha paisaxe sonora emocional e aberta, capaz de pasar do íntimo ao festivo, da celebración á lembranza, mantendo sempre como fío condutor a palabra, a amizade e a memoria de Begoña Caamaño.
A forza urbana e o soul de Wöyza dialoga coa delicadeza interpretativa de Raquel Domínguez e coa raíz poética e folk de Su Garrido Pombo. Quim Fariña achega a súa versatilidade instrumental e a conexión coa música tradicional e contemporánea. Tamén estarán presentes as voces de As Mosas e do grupo Malvela, referentes da tradición oral e da música popular galega, así como unha nova xeración representada polas nenas do CEIP de Petelos —Alba Alonso, Alba Lago, Adela, Ariana, Martina e Carla—, que simbolizan a continuidade viva da cultura e da lingua. Todas estas voces e sensibilidades fan do concerto unha celebración colectiva na que conflúen tradición, modernidade, feminismo, memoria e emoción compartida.
A imaxe gráfica do Concerto das Letras Galegas foi deseñada por Leandro Lamas.