Aberto o prazo para solicitar as axudas de rehabilitación de vivendas baleiras para alugueiro accesible
Permanecerá aberto ata o 1 de outubro de 2027. O alcalde apuntou esta mañá que o Concello destina 2.150.000 euros para as axudas destinadas a rehabilitar vivendas, así como para elaborar certificados de eficiencia enerxética e contratar seguros. “Son axudas moi importantes para que saian vivendas en alugueiro a prezos razoables ao mercado”, recalcou.
Abel Caballero incidiu en que o prezo dos alugueiros non poderán ser superiores a 700 euros para as persoas beneficiarias das axudas de rehabilitación e de 750 para quen conte con apoio para os certificados de eficiencia enerxética ou os seguros multirrisco.
O rexedor lembrou que os propietarios de vivendas baleiras que se acollan á axuda municipal terán que mantelas en alugueiro durante cinco anos. Poderán acceder as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias que posúan ata 3 inmobles, así como as entidades sen ánimo de lucro con estatutos que contemplen o acceso dos colectivos vulnerables a unha vivenda digna.
Melloras
Entre as obras subvencionables atópanse todas as relativas a custos de equipamentos, de materiais, de obra civil, de man de obra asociada aos traballos así como ás intervencións de conservación e de mantemento como pintado, reparación, modernización de baños, aseos, cociñas, substitución de carpinterías e as melloras de fontanería, saneamento, iluminación, ventilación, calefacción. A estas súmanse os axustes na distribución interior da vivenda, compra de electrodomésticos e cambios sanitarios, entre outros.