Escoitar

Caballero propón á Xunta de Galicia 34 espazos da cidade onde prantar máis de 17.000 árbores

O alcalde vigués solicitara ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a creación en Vigo dun bosque, toda vez que o goberno autonómico comezou a prantar un en Santiago de Compostela por valor de 300.000 euros. O alcalde ofreceu este venres á Xunta 34 espazos da cidade onde poder prantar ata 17.225 árbores, despois de que Núñez Feijóo afirmase que investiría nun bosque en Vigo se ten os terreos para facelo.

venres, 13 mar 2015
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ofreceu este venres á Xunta de Galicia 34 espazos da cidade distintos onde prantar ata 17.225 árbores. O primeiro edil respostou con este ofrecemento ás declaracións do presidente autonómico afirmando que investiría nun bosque na cidade de Vigo se conta cos terreos.

Abel Caballero enumerou un listado de ata 34 localizacións onde a Xunta pode prantar 17.225 exemplares, espazos tanto de carácter urbano como parques forestais e mancomunidades de montes. O goberno local ten detallado igualmente o número de unidades e as especies arbóreas que prantar en cada unha das zonas, polo que o alcalde invitou a Núñez Feijóo a comezar "mañá, ou o luns" coa prantación e que sexa o propio presidente o que comece co primeiro.