Escoitar

Caballero di que a Gala do Deporte de Vigo, este martes, confirma o "bo momento" local

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe que 46 deportistas en categoría absoluta (17 mulleres) e 23 en promesa (12 mozas) aspiran a proclamarse mellor deportista masculino e feminino de 2014, cuestión que se desvelará o vindeiro martes, na Gran Gala do Deporte de Vigo e a súa Comarca co patrocinio do Concello de Vigo, Faro de Vigo e Abanca e que se celebrará no Centro Cultural Afundación.

xoves, 12 mar 2015
1426177902galadeportes.JPG
Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o xerente de Faro de Vigo, Pedro Nuno, e o director territorial de Abanca, Jorge Martínez, o alcalde destacou "a resposta das federacións deportivas, que cooperan de forma activa con este gran evento, que segue crecendo de forma exponencial". Caballero citou para demostralo que en catro anos o número de candidatas femininas "duplicouse".

O rexedor explicou que "a calidade dos nomeados é excepcional, de nivel mundial" nalgúns casos, e por iso estamos nun moi bo momento do deporte local. De feito, evitou citar nomes para non dar favoritos de face ao certamen.

O xefe do goberno municipal vigués avanzou que haberá premio especial do xurado, do mesmo xeito que sucedeu o ano pasado. Nesta oportunidade, o colectivo arbitral é relevado pola Asociación Galega San Francisco, que obtivo o recoñecemento do xurado "porque contra vento e marea mantén a súa posición de defender o deporte para discapacitados e para seguir organizando as probas galegas de Special Olympics", dixo o político. Caballero valorou o esforzo da asociación e criticou o maltrato que a Xunta dispensa ao centro.

Ademais, o alcalde explicou que como complemento aos premios individuais "tentamos recoñecer todo o que está na contorna e na organización do deporte". Dezaseis son as mencións especiais, distribuídas entre aniversario de clubs (centenario do Gondomar CF e do Rápido de Bouzas, 70 aniversario do Club de Campo, medio século de vida do C.D. Teis e vinte e cinco aniversario do Club de Remo Coruxo e do Club Ciclista Travesas), xestas deportivas (ascenso do Real Club Celta de atletismo á División de Honra masculina), aposta polo patrocinio (Martín Códax, sponsor da regata Rías Baixas; Seur, do Sárdoma CF) e eventos que deixan pegada (O Marisquiño e a regata Rías Baixas, que cumpriu 50 anos de existencia). Xunto a eles, cinco mencións especiais nominativas tamén decididas polo xurado e que recaeron no adestrador Miguel Méndez, campión de Liga e Copa no baloncesto feminino italiano; Simón González e Miguel Romeu pola súa contribución ao kick-boxing e ao judo, respectivamente; Helena Pérez como tripulante campioa do mundo de vaurien e Fernando Gallego por ser decisivo promotor de que a gala comezara en 1997.

Jorge Martínez, en representación de Abanca, aplaudiu esta idea de Concello e Faro porque "require moitísimo esforzo e perseveranza", aplaudiu que os premiados como mellores deportistas das súas categorías chegaran "por méritos propios" e asegurou que dende Abanca "comprometémonos co apoio ao deporte".

O xerente de Faro afirmou que esta gala "pon en valor o deporte de Vigo e o de base demostrando o esforzo que fai a cidade polo deporte"
Descargar todas as imaxes