Escoitar

O goberno de Vigo ofrece 19 espectáculos de música, teatro e danza no Auditorio Municipal

O concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, presentou este mércores a programación municipal de artes escénicas, VigoCultura, para os meses de marzo, abril e maio. O cartel inclúe unha oferta diversa, con espectáculos para público adulto os venres ás 21 horas e para o familiar os domingos ás 18 horas.

mércores, 11 mar 2015
1426077586vigocultura.JPG
Segundo explicou esta mañá Cayetano Rodríguez, o goberno local volve apostar por unha liña de continuidade para continuar consolidando públicos a través das artes escénicas, cos mellores espectáculos de música, teatro e danza que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela.

A programación conta para este primeiro semestre do ano cun total de 19 funcións que abarcan diversos xéneros como o teatro contemporáneo, a comedia, maxia, música folk, ópera, monicreques e a danza, coa participación dun total de 14 compañías e grupos galegos (12 delas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios) e 5 compañías de fóra de Galicia (3 pola Rede Galega de Teatros e Auditorios e 2 a través do programa Platea).

O Concello de Vigo renovou este ano a pertenza ao programa estatal de circulación de espectáculos de ámbito nacional PLATEA, que xestiona o INAEM, logo de acadar moi bos resultados tras a primeira experiencia no ano 2014. Ademáis, Vigo é a única cidade de España que garantiza o pagamento do 100% dos cachés das compañías contratadas a través deste programa, asegurando así que ningunha compañía ou grupo que actúe no Auditorio Municipal desta cidade teña perdas, apuntou Rodríguez.

Como é costume, estará a disposición de todo o público do Auditorio Municipal un buzón no vestíbulo para que, na saída de cada espectáculo, os espectadores poidan valorar a función que acaban de ver, e formular as suxestións respecto á programación ou calquera outra opinión que desexen facer constar. Segundo revelou o concelleiro durante a rolda de prensa, a media de valoración dos espectáculos programados en VigoCultura ao longo do 2014 situóuse no 8,74 puntos, entre os máis de 5.000 espectadores que asistiron ás citas do pasado no.

As entradas e abonos para os espectáculos de pagamento poderán adquirirse dende hoxe mércores día 11, a través de Ataquilla (www.ataquilla.com / 902.504.500), ou ben na Central de Espectáculos (rúa Velázquez Moreno, 26). Haberá para elixir "abonos á carta" para 5 espectáculos (15% de desconto sobre o prezo total) ou 10 (25% de desconto) e que só se poderán adquirir a través do teléfono 902.504.500 ou no despacho de billetes.
Descargar todas as imaxes