Escoitar

O goberno local eloxia o papel referencial en España do Salón do Automóbil de Vigo

Durante a presentación este martes da feira, o concelleiro de Fomento, David Regades, valorou que o de Vigo é o terceiro salón do automóbil de España, unicamente por detrás dos de Madrid e Barcelona. "Vigo ten que seguir neste papel de referente en España", subliñou Regades sobre este evento, que se celebra do 14 ao 22 de marzo no IFEVI.

martes, 10 mar 2015
1425992237automovil.JPG
No nome do alcalde, David Regades trasladou á organización, colaboradores e patrocinadores da cita o agradecemento e felicitación do goberno local por impulsar un ano máis "un dos eventos máis importantes da cidade". O concelleiro recordou que Vigo é "capital" da automoción, un sector que se atopa nun momento importante, singularizado no proxecto que está a consolidar a PSA Peugeot Citroën en Vigo "para os próximos 15 anos", e no que o Concello de Vigo xoga un "papel decisivo" ao facer posible a ampliación dos terreos de Balaídos en 50.000 metros cadrados.

O XXIV Salón do Automóbil e Motocicleta de Vigo exporá 300 vehículos de 44 marcas, destacando a presentación de medio centenar de novos modelos, e encherá os 17.000 metros cadrados dos pabellóns 1 e 2 do IFEVI con espazo para coches, motos, motos de auga e bicicletas, un área para a industria auxiliar e expositores do sector do motor.

Regades tamén destacou que os concesionarios galegos de coches ocupan o 80% da feira e representan a 28 marcas, presentando uns 20 novos modelos lanzados para este ano. A motocicleta tamén entra con forza nesta edición, acudindo a práctica totalidade das factorías importantes, 16 marcas de motos que ocuparán o 10% do espazo expositivo. A industria auxiliar do motor estará presente, tamén ocupando o 10% do salón, destacando varios proveedores de neumáticos, accesorios e outros servizos.

Entre os expositores no evento destacan o Uvigo's Formula Student Team, o equipo universitario que está a construir un coche de competición, que presentará o seu prototipo por primeira vez; o circuito de Slot con 6 rúas e 30 metros de desenvolvemento, onde se celebrarán as competicións; un equipo de simulación de conducción e un espazo para a promoción do Rally de Portugal.

A organización tamén ten preparadas actividades paralelas, como a VIII Concentración Porsche, o domingo 15 de marzo, coa presenza dunha treintena de vehículos que farán unha ruta polo norte de Portugal ata o IFEVI, co participación do campión de España de Rallies de Asfalto, Sergio Vallejo. Tamén terá lugar a I Ruta de Enduro, o venres día 20, para motos de enduro de 125 a 500 centímetros cúbicos e un simulador de conducción de rallies.

O horario de apertura do Salón do Automóbil e Motocicleta de Vigo será de 16 a 21 horas en días laborables e de 10 a 21 horas en sábados e domingos, así como o venres día 20 (festivo). As entradas custarán 7 euros ata o día 19 de marzo e 8 euros do 20 ao 22 de marzo. Os nenos ata 10 anos de idade poden acceder gratis. A entrada ao Salón da dereito a visitar o XV Salón do Vehículo Usado e de Ocasión, Motorocasión Vigo 2015, do 26 ao 29 de marzo no IFEVI.
Descargar todas as imaxes