Escoitar

Caballero anima á cidadanía a participar na primeira edición do Boom! Film&Comic

Este luns presentouse a primeira edición deste festival do cine e da banda deseñada, un "evento singular e moi especial" que "arrancamos con moito entusiasmo", subliñou o alcalde. Os organizadores explicaron que o Boom! Film vai desde hoxe ata o 12 de marzo coa proxección de 8 películas, mentres que o Boom! Cómic será o 13 e 14 de marzo no Auditorio Mar de Vigo, con presentacións, concursos, espectáculos e exposicións.

luns, 9 mar 2015
1425905275boom.JPG
Durante a presentación, que contou co respaldo da tenente de alcalde, Carmela Silva, o rexedor vigués, Abel Caballero, invitou a toda a cidadanía a participar nesta "nova andaina" que desde hoxe emprende Vigo, unha cidade na que "os movementos culturais destas características arraigan de forma notable".

Boom! Film&Comic é un festival cinematográfico e salón da banda deseñada que nace este ano coa intención de converterse nun referente na industria da cultura pop no noroeste de España. Levarase a cabo do 9 ao 14 de marzo na sala Artika Cultura e Arte, nos cines Gran Vía, de luns a xoves, e no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo, venres e sábado. Os asistentes gozarán ao longo da semana da ciencia ficción, a banda deseñada, as series de TV e da ilustración como arte.

Segundo explica a organización, profesionais que son referente no seu sector terán encontros co público asistente e darán charlas sobre o seu traballo aos interesados. Tamén estarán presentes numerosos autores asinando as súas obras e outras celebridades moi coñecidas. Ademais prográmanse accións complementarias como o espectáculo da Revista Mongolia, conferencias de profesionais do sector, actividades didácticas e a exposición de pezas orixinais dalgúns dos títulos máis representativos da historia do cine fantástico (Terminator, X-Men, A Guerra das Galaxias...)

Boom!Film
Do 9 ao 12 de marzo nos cines Gran Vía e a sala Artika Cultura e Arte proxectaranse as películas seleccionadas para participar no Festival Internacional Boom! Filme & Comic. Quen se achegue poderá gozar de películas a prezos moi reducidos. Recibíronse máis de 150 obras de diferentes nacionalidades para participar, das que 8 foron seleccionadas e proxectaranse 4 películas en cada un dos cines, habendo na cidade sempre dúas sesións diarias, e 8 curtametraxes no Auditorio Mar de Vigo durante a mañá do venres 13. O prezo é de 3 euros por persoa.

Boom!Comic
Celebrarase os días 13 e 14 de marzo no Auditorio Mar de Vigo. Desde sete euros, o recinto abrirá as súas portas dende as 10.00 ata as 22.00 horas as dúas xornadas. Levaranse a cabo encontros, presentacións, panel de presentación, firmas, concurso de cosplay, espectáculos, exposicións e moito máis. Boom! Comic está pensado para entreter e divertir a todo tipo de público e de calquera idade.
Descargar todas as imaxes

Máis información