Escoitar

A Pinacoteca oferta dende hoxe dúas salas adicadas a Manuel Colmeiro e á pintura europea antiga

A Pinacoteca Municipal "Francisco Fernández del Riego", sita na rúa Abeleira Menéndez nº 8, oferta dende hoxe dúas salas adicadas por un lado ao pintor Manuel Colmeiro, cunha exposición comisariada por Carlos L. Bernárdez, e outra á pintura europea antiga, composta polos fondos máis antigos das coleccións municipais de arte (o Legado Policarpo Sanz e o depósito do Museo Nacional do Prado). Ambas exposicións estarán situadas na planta baixa.

martes, 25 set 2012
1348572912pinacoteca.jpg
Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999) foi unha figura fundamental da pintura galega. Dende os anos vinte o seu traballo insírese no movemento renovador da arte galega coñecido como Os Novos. A súa obra é debedora da vangarda internacional e crea unha figuración inspirada en elementos da tradición popular, atendendo tamén a temas como a paisaxe ou a esceas de contido social.Nas súas primeiras obras utiliza unha paleta sobria, con figuras estáticas e certo aire primitivista, en que se evita a individualización das faces, dotando o cadro dun aspecto escultórico; velaí óleos como Vagón (1930). Nesta altura a súa obra evidencia o seu valor testemuñal, tratando as figuras – anónimas e populares-, como Campesiña (1934), dun xeito que as converte en iconas por medio das que o pintor proxecta a súa mirada comprometida sobre unha sociedade en plena loita pola súa transformación.

As súas paisaxes son basicamente humanizadas, vividas desde a procura dunha identificación plena co medio no que se mora. Somete os motivos da tradición da pintura de paisaxe galega anterior (paisaxe rural con labregos) a un proceso de estilización (Faenas do campo, 1934), produto da contemplación estética da realidade, creando ritmos curvilíneos de contido dinamista (Paisaxe, 1934). O pintor desenvolve en varios núcleos temáticos iconas poderosas que reflicten a súa fondura etnolóxica: labregos nos seus labores agrarios; maternidades como deusas-nai (Maternidade, 1939)... que agochan un sentido subterráneo e mesmo dramático, modelos femininos con ese carácter de emblemas da muller labrega que lle permiten construír uns valores e referencias xenéricas de matriz alegórica.

No exilio, tras a Guerra Civil, Colmeiro constrúe unha linguaxe pictórica dun forte lirismo, na que a evocación do mundo galego é unha constante. A lembranza e o soño coa terra distante pasan a un primeiro plano. A súa pintura é unha maneira de reencontro, pero tamén un xeito de permanente análise e depuración formal, que atinxe un logrado equilibrio, como en Muller con floreiro (ca. 1956-60). A pintura madura de Colmeiro mantén os seus principios figurativos e os mesmos motivos temáticos, que constitúen auténticas series, como é o caso das "Panadeiras" e as "Romarías". Dálle
unha maior primacía aos valores cromáticos e lumínicos e regresa á súa paisaxe natal e nutricia. É unha pintura que torna constantemente ás fontes máis fondas das sensacións auténticas da vida.

No tocante á pintura europea antiga, a mostra, baixo a denominación "Natureza morta, natureza viva", presenta unha selección de obras de bodegón e paisaxe realizadas nas principais escolas europeas durante os séculos XVII, XVIII e XIX. No percorrido da exposición pode observarse tanto o diferente enfoque que cada nacionalidade fai destes temas como aprezar a evolución de ámbolos dous xéneros neste período principal da historia da arte no que a natureza pasa a un primeiro plano e se converte en tema predilecto do artista. Deste xeito podemos contrastar a minuciosidade de holandeses ou flamengos na representación de bodegóns e floreiros (Eliaerst, Heda, Van Pol, Hondecoeter) fronte á monumentalidade clasicista da escola italiana (Anónimo s. XVII); ou valorar como a paisaxe pasa de ser un simple pano de fondo no que se desenvolve unha representación (Van Nieuland, Momers) ata alcanzar valor per se, como obxecto de estudo ou contemplación, mesmo espello do sentimento do artista (Van der Meer II, Claudio de Lorena (copia de Estrada), Bruandet). A mostra está comisariada por José Ballesta, director do Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León".

Nas plantas 1ª, 2ª e 3ª concentrarase a exposición xeral de arte galega contemporánea "O fermoso rostro do país", comisariada por Carlos L. Bernárdez. O obxectivo da mostra é evidenciar, desde a colección de arte galega do Concello de Vigo, o desenvolvemento da imaxe pictórica galega, desde a primeira metade do século XIX até finais do século XX, entendendo este fenómeno enmarcado no seu contexto nacional máis tamén como un anaco da tradición cultural europea producida nun país que posúe unha singularidade histórica marcada, dentro da que se proxectan as grandes correntes artísticas da Europa Occidental non como inevitable consecuencia da nosa situación xeográfica senón por unha vontade de procurada conexión coas correntes internacionais e en sintonía cunha parte das mesmas que teñen nos factores sociais e identitarios algunhas das súas características
máis singulares.
Descargar todas as imaxes

Máis información