Escoitar

Caballero avoga por unha programación sinfónica "estable" na presentación das citas de outono da Orquestra Vigo 430

O alcalde presentou este martes o Programa Sinfónico da Orquestra viguesa 430, un "fito cultural de primeira magnitude" que comeza o mércores 26, ás 20:30 h, no Auditorio do Conservatorio Superior e que conta con 40.000 euros de apoio do Concello. Caballero invitou á cidadanía a presenciar a "calidade" desta formación. O concerto porá no escenario obras de Purcell a Poulenc, pasando por Beethoven, ou Walton sen esquecer a Brahms, Mozart ou Rameau. Para o canón de saída, a Orquestra estará dirixida pola batuta de Alejandro Garrido, e como solista invitada teremos á frautista Julia Gallego, interpretando o Concerto para Frauta en Re Maior de Mozart. O programa completarase coa Abertura de "Les Indes galantes" de Rameau e a Sinfonía nº 4 (Escocesa) de Mendelssohn.

martes, 25 set 2012
1348574308430.JPG
O primeiro edil vigués salientou o "esforzo" dos músicos en conformar a Orquestra e unha programación estable, para o que o Concello de Vigo achega 40.000 euros para as citas de outono e comprometeu respaldo para os concertos da primavera para Vigo poida ter unha programación sinfónica "estable".

O alcalde, ao respecto dos concertos programados, avogou por abrir novas vías de participación aos músicos emerxentes da cidade, traer a Vigo a figuras de primer orde nacional e internacional e aproximar as distintas modalidades da formación á cidadanía viguesa.

Un dos concertos máis esperados será o correspondente ao mes de outubro, que terá lugar tamén no Auditorio Martín Códax, o mércores 31 ás 20:30 h, e para o que a orquestra interpretará o Concerto para Viola de Walton da man do afamado David Quiggle.

Novembro será o mes reservado para a música de cámara. A Orquestra retomará as súas dotes para este tipo de interpretacións con obras de Poulenc, Mozart e Brahms. A cita será o 28 de novembro ás 20:30 h no mesmo auditorio.

E como broche final, o mes de decembro dará paso a un ambicioso proxecto no que, da man de José Antonio Campo, porá en escea un espectáculo arredor da obra vocal de Bach e baixo o título dunha das súas cantatas "A Alegría Móvese". Este espectáculo de nova creación terá lugar en dous pases, o sábado 8 e domingo 9, nun escenario inigualable, como é o espazo central do Verbum Casa das Palabras.

As entradas para os concertos estarán á venda na Central de Espectáculos (rúa Velázquez Moreno, 26), a un prezo de 10 € anticipada e 12 € no despacho de billetes. Os estudantes, parados e pensionistas que así o acrediten terán entrada reducida a 9 € e 11 €, respectivamente. Tamén haberá a posibilidade de abonos para os catro concertos a un prezo de 34 €.
Descargar todas as imaxes