Escoitar

Colectivos veciñais avalan a postura crítica do alcalde ante a lei autonómica de Área Metropolitana

Abel Caballero mantivo unha reunión coas asociacións de veciños de Matamá, Sárdoma, Sampaio, Beade e Lavadores para explicarlles o seu posicionamento e recabar opinións sobre a lei que ven de aprobar a Xunta de Galicia. Veciños e alcalde coinciden en rexeitar a norma, que reduce a un voto entre catorce a representación viguesa no goberno metropolitano.

luns, 16 abr 2012
1334577044vecinos.jpg
O alcalde de Vigo iniciou este luns unha xeira de reunións con colectivos de Vigo para transmitirlles o seu posicionamento e recibir opinións sobre a lei de Área Metropolitana de Vigo, aprobada recentemente pola Xunta de Galicia.

As Asociacións de Veciños de Matamá, Sárdoma, Sampaio, Beade e Lavadores manifestaron o seu desacordo ante a norma autonómica, sumándose así ao posicionamento crítico do alcalde, quen adiantou que continuará cos encontros con sectores vigueses culturais, deportivos, empresariais e sociais tras terse xa entrevistado cos membros da Fundación ProVigo a pasada semana.

En declaracións ao remate da reunión, Abel Caballero indicou que as posturas recabadas ata o momento apoian a negativa a unha lei que outorga á cidade de Vigo a mesma representación na Xunta de Goberno da futura Área que o resto de municipios, sen ter en conta o número de habitantes, as competencias delegadas ou o financiamento aportado.

Dentro da área metropolitana viguesa, conformada por catorce municipios, o alcalde reclama o voto ponderado no goberno metropolitano para que Vigo supoña o 47% dos apoios -tal e como figuraba nos distintos borradores desde a época de Fraga na presidencia da Xunta-, xa que esta cidade aporta o 62% da poboación, o 62% da financiación do futuro ente e prácticamente o 100% das competencias a delegar polas urbes.
Descargar todas as imaxes