Escoitar

Eudosio Álvarez anuncia que o sábado comeza a primeira ruta do programa "Vigo: a descoberta da historia" dende O Castro

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou a posta en marcha dun novo programa para coñecer a historia e o patrimonio de Vigo. Trátase da proposta "Vigo: a descoberta da historia", que integra catro rutas que se celebrarán en sábados alternativos. O nacionalista informou de que a primeira delas, "Da cultura castrexa ao século XIX, os orixes do Vigo moderno" partirá mañá, 30 de abril, ás 11 horas dende o poboado castrexo de O Castro.

venres, 29 abr 2011
"Esta iniciativa propón unha viaxe singular e única polos dous mil anos que nos separan da orixe da cidade", salienta Eudosio Álvarez. O concelleiro explica que durante un percorrido de dúas horas será posible coñecer os fitos máis importantes da historia de Vigo ante elementos emblemáticos do seu patrimonio. A orixe da cidade no monte do Castro, os restos dunha calzada romana no Casco Vello, os ataques dos piratas, a importancia de figuras como Elduayen, Policarpo Sanz, Mendez Nuñez ou García Barbón son algúns dos aspectos aos que se fará referencia ao longo das rutas.

O concelleiro de Patrimonio Histórico indica que a primeira ruta, que comeza na cultura castrexa e avanza no tempo ata o século XVIII, nas orixes do Vigo moderno, terá lugar os sábados 30 de abril e 14 de maio, con saída as 11 horas dende o poboado castrexo de O Castro. Inclúe paradas no castelo de San Sebastián, o pazo de Abeleira Menéndez, o Paseo de Alfonso, as rúas Poboadores e Real, a Praza de Almeida e a Colexiata.

Respecto á segunda ruta, Eudosio Álvarez sinala que comeza onde remata a anterior, nos inicios do século XIX e avanza ata a primeira metade do século XX, explicando o nacemento de Vigo como cidade. Celebrarase os sábados 7 e 21 de maio, e tras saír ás 11 horas dende a Colexiata, terá paradas nas prazas da Constitución e da Princesa, a rúa Imperial, as Portas da Gamboa e Laxe, o hotel Universal, o monumento a Elduayen, a Praza de Compostela, Policarpo Sanz e a Porta do Sol.