Escoitar

O Pleno aproba por unanimidade unha moción que defende a cancelación da hipoteca coa dación da vivenda

O BNG acadou o respaldo da corporación municipal para aprobar a moción defendida pola concelleira Iolanda Veloso que solicita da Xunta instar ao goberno do Estado a impulsar unha reforma lexislativa que protexa ás persoas afectadas polas hipotecas. A concelleira nacionalista destacou que dada a elevada execución de hipotecas consecuencia da crise económica e financeira actual, é preciso que a lei admita a dación das vivendas que son residencia habitual en pagamento como cancelación da totalidade da débeda hipotecaria, así como a posibilidade de moratorias no pago para evitar o agravamento desa situación.

xoves, 28 abr 2011
Na súa intervención, Iolanda Veloso rexeitou a emenda proposta polo PP, ao considerar que as medidas que defendían "poderíanse ter tomado hai tempo, cando gobernaban con maioría absoluta, de xeito que se evitaría boa parte da crise actual". Segundo a concelleira nacionalista, as medidas contempladas na moción son "inmediatas e dirixidas ás persoas que se están achegando ao Concello porque se quedan sen casa e sen recursos".

A concelleira de Igualdade criticou que até o momento o goberno do Estado " púxose de lado das entidades financeiras ao mostrar a súa pasividade malia o aumento das execucións hipotecarias". Así mesmo, denunciou que a Xunta de Galiza, consonte as súas competencias en materia de protección dos consumidores, consumidoras, "non impulsou unha soa medida para atallar a situación descrita, cando as persoas afectadas teñen a condición de usuarios e usuarias de produtos financeiros".

Iolanda Veloso explicou que o estoupido da crise económica e o incremento do desemprego "abocaron a unha delicada situación a miles de persoas que accederon a unha vivenda en propiedade durante o período de bonanza económica a través de préstamos hipotecarios que se podñían asinar con moita facilidade". Afondando nesta idea, sinalou que a perda de emprego e o deterioro do poder adquisitivo de moitas persoas con emprego, provocan "enormes dificultades" nas familias para afrontar os vencementos dos créditos hipotecarios, así como a obriga de abandonar a súa vivenda, "perdendo así o seu dereito a gozar dunha vivenda digna, dereito recollido pola Constitución española", apuntou.

Por outra banda, a edil nacionalista defendeu que calquera axuda pública ás entidades financeiras debe estar vinculada a un código de conduta sobre execucións hipotecarias onde se comprometan a establecer "unha moratoria no pago da débeda axustándoa á evolución da situación económica". Para Iolanda Veloso, as entidades financeiras deben asumir as súas responsabilidades na crise, xa que pola contra, "a crise estana a pagar as familias que non a provocaron".