xoves, 28 abril 2011

O goberno local insta á Xunta de Galicia a consensuar co Concello un plan de emprego para a cidade

A moción, presentada polo grupo municipal socialista, reclama do goberno autonómico chegar a un acordo co Concello de Vigo para elaborar e por en marcha un plan de emprego na cidade. O texto aprobado denuncia a "paralización total" por parte da Xunta de Galicia das políticas de emprego e reclama do goberno de Núñez Feijóo a asunción das súas responsabilidades cos desempregados da cidade.

O goberno local reclama investimentos á Xunta e á Deputación en humanizacións e infraestruturas socioculturais e deportivas

xoves, 28 abr 2011

A moción presentada polo grupo municipal socialista foi respaldada polo BNG e enmendada para reclamar das institucións provincial e autonómica que, xunto ás humanizacións, executen investimentos en infraestruturas socioculturais e deportivas en Vigo. O texto aprobado asegura que a cidadanía reclama a humanización das rúas competencia de ambas administracións polo que as insta a sumarse á política realizada polo goberno local nos últimos catro anos.

A corporación acorda demandar á Xunta a suba do 20% do orzamento do plan concertado de servizos sociais

xoves, 28 abr 2011

O Pleno da corporación aprobou hoxe a proposta do BNG, co apoio do PSOE e os votos en contra do PP, unha moción que demanda á Xunta o incremento do 20% do orzamento do Plan Concertado destinado ao Servizo de Axuda a Domicilio e persoal de servizos sociais básicos. Na defensa da moción, a concelleira de Benestar Social, María Méndez, criticou a conxelación da achega da Xunta para prestar os servizos sociais, o cal "condena en Vigo a que haxa 300 persoas sen ter prestacións", denunciou.

O Pleno aproba por unanimidade unha moción que defende a cancelación da hipoteca coa dación da vivenda

xoves, 28 abr 2011

O BNG acadou o respaldo da corporación municipal para aprobar a moción defendida pola concelleira Iolanda Veloso que solicita da Xunta instar ao goberno do Estado a impulsar unha reforma lexislativa que protexa ás persoas afectadas polas hipotecas. A concelleira nacionalista destacou que dada a elevada execución de hipotecas consecuencia da crise económica e financeira actual, é preciso que a lei admita a dación das vivendas que son residencia habitual en pagamento como cancelación da totalidade da débeda hipotecaria, así como a posibilidade de moratorias no pago para evitar o agravamento desa situación.

O alcalde garantiu aos directores dos colexios públicos o mantemento dos fondos destinados á autoxestión dos centros

xoves, 28 abr 2011

O alcalde, Abel Caballero, e a Asociación de Directores de Colexios Públicos de Vigo reuníronse este xoves para ratificar a vontade das partes de "seguir cooperando" na defensa da calidade do ensino público e rubricar o compromiso municipal de manter os fondos que adica o Concello á autoxestión dos centros. Caballero avogou por "dar facilidades" aos colexios para acceder aos mesmos e defendeu a súa "vocación" de ampliar as partidas económicas.

Caballero asina coa asociación Agarimo un convenio de cooperación para respaldar a súa actividade en Vigo

xoves, 28 abr 2011

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, rubricou este xoves cos responsables de Agarimo un convenio de colaboración para apoiar a actividade desta entidade na cidade. O primeiro edil subliñou a "gran dinámica" desta formación na atencións ás persoas de idade mediante distintas actividades, como a organización de viaxes ou eventos culturais de diversa índole.

María Méndez anuncia o inicio do prazo para pedir as becas de libros e comedor cun orzamento que medra a 700.000 euros

xoves, 28 abr 2011

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou hoxe que o prazo para solicitar as axudas municipais para libros e comedor é do 2 ao 13 de maio. A edil do BNG destacou que o incremento do orzamento deste programa respecto ao 2010 en 70.000 euros, chegando nesta convocatoria aos 700.000 euros, é exemplo do compromiso dos nacionalistas coas familias máis necesitadas, consecuencia da crise económica.

O coro Concento ofrece mañá venres un concerto na Colexiata dirixido polo novo director da formación José Luis Vázquez

xoves, 28 abr 2011

O coro Concento Vigo, formado co apoio da Tenencia de Alcaldía, a Concellería de Cultura e a Asociación Musical Cidade de Vigo para promover o coñecemento musical, ofrecerá mañá un concerto gratuíto ás 20.30 horas na Colexiata. A concellería de Cultura destaca que a formación actuará baixo a batuta do seu novo director, José Luis Vázquez López, director dos Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia e subdirector do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia.