Escoitar

Javier Krahe presenta mañá no Auditorio Municipal o seu último traballo discográfico "Toser y cantar"

O Auditorio Municipal acolle mañá, 27 de abril, a actuación de Javier Krahe, na que o cantautor madrileño presentará ás 20.30 horas o seu último disco, "Toser y cantar", lanzado o ano pasado xunto co libro "De mil amores". O prezo das entradas é de 10 euros, e pódense mercar na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación

mércores, 27 abr 2011
"Toser y Cantar" inclúe once novas cancións nas que, de novo, o mestre de cantautores fai gala da súa ironía, burla e humor. O disco foi gravado no estudio con toda a súa banda: Javier López de Guereña, Fernando Anguita, Antonio Calero, Andreas Prittwitz e Cuco Pérez, entre outros.

Nado en Madrid en 1944, Javier Krahe comezou en Canadá a súa carreira como letrista, inspirado nas figuras de George Brassens e Leonard Cohen, dous dos autores que máis marcan a súa cultura musical. Tras o seu paso por París, actúa en locais como La Aurora, onde coñece a Joaquín Sabina e Alberto Pérez, cos que como trío gravan no ano 1981 o disco "La Mandrágora", que toma o nome dun dos locais nos que actuaban nesa época.

Como solista, debuta en 1981 con "Valle de lágrimas, no que xa se aprecia o seu estilo característico de letras irónicas, rimas inxeniosas, e música sinxela No ano 1999 funda a discográfica independente 18 Chulos, xunto a Pepín Tre, Santiago Segura, El Gran Wyoming, Faemino e Pablo Carbonell. Nela editou varios dos seus discos seguintes. Como "Dolor de garganta", "Cábalas y cicatrices", "Cinturón negro de karaoke", "Querencias y extravíos", ademais do disco homenaxe "...Y todo es vanidad". Durante os anos 2005, 2006 e 2007 actúa en pequenas salas como Galileo ou Clamores; precisamente de decembro de 2007 data o seu anterior disco "Querencias y extravíos".