Escoitar

O alcalde anuncia a adxudicación de 290 bolsas de inglés do Concello, que este verán levará a 350 estudantes ao estranxeiro

Abel Caballero anunciou hoxe martes a adxudicación das 290 bolsas municipais para outros tantos estudantes vigueses que aprenderán inglés no estranxeiro este verán. O total de bolsas deste ano subvencionadas polo Concello será de 350. Esta oferta cubre toda a demanda dos colexios públicos e unha parte dos concertados, unha medida para a que o Concello de Vigo destina este ano 700.000 euros.

martes, 26 abr 2011
1303822404becas.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes a adxudicación de 290 bolsas de inglés para que estudantes de secundaria de Vigo poidan aprender inglés este verán no estranxeiro.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación das 290 prazas para alumnos de 3º da ESO, que viaxarán en setembro de balde cun investimento municipal de 700.000 euros. Con esta medida, "todos os nenos e nenas da ensinanza pública de Vigo que soliciten a bolsa de inglés dispoñen dela".

As solicitudes de estudantes de centros públicos ascenderon a 291, das que oito quedaron fora por incumprir os requisitos, polo que "todas as bolsas solicitadas foron concedidas" para os públicos. No tocante aos concertados, rexistráronse 271 peticións e adxudicaranse unhas 70 restantes ata cumprir a oferta municipal, segundo revelou Caballero.

O alcalde explicou que "estamos tendo un incremento moi importante" nas solicitudes porque a Xunta de Galicia cancelou o seu programa de estudos no estranxeiro, e "toda a demanda ven ao Concello de Vigo" porque "estamos garantindo" as becas.

"Non nos deteremos ata que todos os nenos e nenas de Vigo teñan a súa bolsa garantida", avanzou Abel Caballero. Ata o momento, a ensinanza pública xa está cuberta e unha parte da concertada tamén, explicou o rexedor, quen recordou que o Concello non daba bolsas fai catro anos a hoxe concede 350.

Caballero amosou "gran satisfacción" pola "boa marcha" deste proxecto de inmersión lingüística no estranxeiro, que inclúe tamén aos asistentes á Escola Oficial de Idiomas de Vigo. "Queremos que en Vigo se fale en inglés", afirmou.
Descargar todas as imaxes