Escoitar

Santi Domínguez anuncia que a Feira MITM reunirá dende mañá mércores en Vigo a máis de 200 profesionais do sector turístico

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, presentou este martes a Feira MITM Euromed de empresas, touroperadores e organismos de viaxes e turismo, que se celebrará dende mañá e ata o venres no Auditorio-Pazo de Congresos "Mar de Vigo". Na presentación do evento afirmou que é unha feira dirixida ao mercado das reunións e os viaxes de incentivo que reunirá a máis de 200 profesionais procedentes de 20 países diferentes.

martes, 26 abr 2011
1303834072Congreso.JPG
"Trátase dun encontro moi importante para a nosa cidade porque fará de Vigo o centro no que se pechan un gran número de viaxes de incentivo e de congresos", afirmou Santi Domínguez. Ao seu xuízo, as campañas promocionais por diferentes países son moi importantes, "pero traer aos profesioais do sector turístico á nosa cidade é fundamental porque eles deciden onde se celebrarán os congresos", salientou.

Segundo o tenente de alcalde, este congreso permitirá que os touroperadores coñezan a nosa cidade. Asegurou que non atoparán ningunha cidade mellor no mundo para organizar os seus eventos e ao mesmo tempo terán a oportunidade de comprobar que a capacidade das empresas locais, porque todos os provedores son locais e socios do Vigo Convention Bureau. "Queremos convencelos de que aquí temos empresas con todo o que se necesita para organizar congresos", dixo ao respecto.

Santi Domínguez salientou que este evento completa o traballo desenvolvido polo Vigo Convention Bureau, que ademais deste congreso ten prevista a celebración de outros 11 eventos este ano. Asegurou que traerán á cidade máis de 9.000 visitantes e un retorno económico superior aos 8 millóns de euros.

O responsable da empresa organizadora, Ramón Álvarez, salientou que na Feira MITM Euromed que comeza mañá participan expositores de 14 países e compradores convidados de 19 países, entre os que citou Alemaña, Francia, Bélxica, Suecia, e Estados Unidos. Entre as representacións institucionais, ademais de destacar a presenza das entidades públicas e privadas de Vigo, salientou a participación dos Convention Bureau de cidades como Palma de Mallorca e Valencia, así como de Bruxelas e Croacia.

"Todos eles son moi importantes organizadores, porque temos coidado de aceptar só aos potenciais compradores", asegurou. Neste sentido, Ramón Álvarez indicou que están xa organizadas preto de 2.000 entrevistas entre expositores e compradores convidados. Afirmou que o turismo de congresos é "7 veces máis rendible que o turismo vacacional", polo que considerou que os congresos que se celebren en Vigo tamén beneficiarán ao resto de Galiza. Finalmente, expresou os seus parabéns á cidade de Vigo "e por suposto á Concellería de Turismo e o Vigo Convention Bureau pola promoción do turismo de congresos e de negocios".
Descargar todas as imaxes