Escoitar

O goberno local reclama investimentos á Xunta e á Deputación en humanizacións e infraestruturas socioculturais e deportivas

A moción presentada polo grupo municipal socialista foi respaldada polo BNG e enmendada para reclamar das institucións provincial e autonómica que, xunto ás humanizacións, executen investimentos en infraestruturas socioculturais e deportivas en Vigo. O texto aprobado asegura que a cidadanía reclama a humanización das rúas competencia de ambas administracións polo que as insta a sumarse á política realizada polo goberno local nos últimos catro anos.

xoves, 28 abr 2011
O Pleno da Corporación de Vigo aprobou hoxe xoves solicitar da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra investimentos para humanizacións e infraestruturas socioculturais e deportivas na cidade.

A moción foi presentada e defendida polo voceiro do grupo municipal socialista, Carlos L. Font, quen aseverou que o goberno local realizou sobre 250 humanizacións na cidade neste mandato e instou a ambas administracións a sumarse a esta política e acometer melloras nas distintas rúas da súa titularidade.

"Esta política de humanizacións transformou a cidade e realizouse exclusivamente con investimentos propios e as achegas do Goberno de España", explica a moción, que apunta ademais que "os cidadáns que aínda non teñen humanizada a súa rúa reclámano".

Os nacionalistas, representados polo concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, sumaron un punto ao acordo aprobado, para que ambos organismos efectúen tamén investimentos en Vigo en materia sociocultural e deportiva.