Escoitar

María Méndez anuncia o inicio do prazo para pedir as becas de libros e comedor cun orzamento que medra a 700.000 euros

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou hoxe que o prazo para solicitar as axudas municipais para libros e comedor é do 2 ao 13 de maio. A edil do BNG destacou que o incremento do orzamento deste programa respecto ao 2010 en 70.000 euros, chegando nesta convocatoria aos 700.000 euros, é exemplo do compromiso dos nacionalistas coas familias máis necesitadas, consecuencia da crise económica.

xoves, 28 abr 2011
1303993803Becas.JPG
Para María Méndez, este aumento do orzamento das becas de libros e comedor "demostra que dende a Concellería de Benestar Social o goberno desta cidade aposta polo benestar, a igualdade real e que as familias que máis o necesitan accedan a ter becas de libros e comedor, ao contrario do que fai a Xunta". Neste sentido apuntou que o orzamento destas axudas pasou de 300.000 euros cando o BNG chegou ao goberno no 2007 a 700.000 euros este ano. Como exemplo deste compromiso tamén destacou que en 2007 as solicitudes para comedor foron 1.586 e concedéronse 1.081; mentres que no 2010 solicitáronse 2.686, das que foron outorgadas 1.990. Debido ao forte incremento das solicitudes no 2007 quedaron 74 persoas en lista de agarda e 180 no 2010.

A concelleira de Benestar Social explicou que as subvencións están destinadas ao alumnado dos centros públicos e concertados de Educación Infantil (segunda etapa), Primaria e Secundaria Obrigatoria. As persoas interesadas poden presentar as solicitudes nas Unidades Básicas de Acción Social do Concello, Coia, Princesa, Rivera Atienza e Teis de luns a venres de 9 a 13.30 horas. Respecto ás axudas para libros, indicou son de 75 euros por alumno, mentres que as de comedor, a subvención máxima é de 41 euros ao mes de setembro a xuño.

María Méndez destacou como novidade a simplicación dos trámites administrativos, xa que só é preciso presentar a fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte dos maiores de 16 anos, do libro de familia, xustificante de ter feito a matrícula no centro no caso de Educación Infantil e de ter solicitado praza de comedor, así como do certificado de discapacidade. Neste caso, a concelleira nacionalista dixo que a puntuación respecto aos nenos e nenas con discapacidade tamén é novidosa, xa que os que acrediten ter discapacidade nunha porcentaxe do 33 ao 65% contarán por dous e se é superior ao 65% contarán por tres. Indicou que a resolución das solicitudes coñecerase en setembro.
Descargar todas as imaxes