Escoitar

O Pleno reclama do Estado un trato "non discriminatorio" entre as entidades financeiras

A Corporación municipal de Vigo aprobou este xoves unha moción popular para que Galicia "poida contar cunha caixa evolucionada vinculada a un banco" e reclamou do Goberno de España "que nas demandas de capitalización solicitadas ás entidades financeiras teña en conta os diferentes graos de saneamento efectuados" e un trato "non discriminatorio" entre as caixas.

xoves, 28 abr 2011
O Pleno da Corporación de Vigo acordou hoxe reclamar do Goberno de España un trato "non discriminatorio" entre as entidades financeiras e que a capitalización solicitada ás mesmas teña en conta os graos de saneamento efectuados.

A moción foi presentada polo PP e saíu adiante coa abstención do PSOE e a oposición nacionalista. O texto reclama ademais do Estado un terceiro punto con referencia especial a Novacaixagalicia: "que, sen incrementar o déficit nin a débeda pública, favoreza a mellora da confianza internacional no noso sistema financeiro, reforzando a súa solvencia e facilitando o acceso ao crédito de empresas e familias, utilizando Esquemas de Protección de Activos que permitan a liberación de Activos Ponderados por Risco e acaden unha mellor valoración das entidades que precise captar capital, en especial de Novacaixagalicia".

A exposición de motivos da moción asevera que "aínda hai marxe para que Galicia poida contar cunha caixa evolucionada vinculada a un banco", polo que pide do Estado igualdade de trato ás entidades independentemente da súa procedenza ou natureza xurídica.