Escoitar

"O ladrón de cores" é a nova proposta do Museo de Castrelos para o domingo 18 de xullo

O programa "Domingos de Museo" celebrará o vindeiro 18 de xullo, de 11.30 a 12.30 horas, unha nova actividade no Museo de Castrelos, destinada especialmente a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Trátase do obradoiro "O ladrón de cores", que segundo indica o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, permitirá descubrir os diferentes xeitos que teñen os pintores de utilizar as cores.

venres, 16 xul 2010
Mediante o programa "Domingos de Museo" os nenos e familias participantes poderán gozar dunha visita dinamizada polo museo e os seus xardíns. O programa inclúe un itinerario temático e diferentes xogos e actividades, que se desenvolven da man da mascota Landriña.


Este domingo Landriña ensinaralles aos participantes como os pintores utilizan a cor de xeitos moi diferentes segundo as sensacións que desexan acadar nas persoas que ven os cadros. Poderán aprender cales son as cores cálidas e as frías e coas lupas máxicas descobrirán como crear novas cores a partir das cores primarias. Ademais, tratarán de atopar ao ladrón de cores que levou a cor dun dos cadros da colección.

Os familiares que acompañan ás e aos menores poden participar desta actividade ou deixalos ao coidado do persoal educador. Estas actividades son totalmente gratuítas. O número máximo de participantes é de 15 nenos/as cun máximo de dous acompañantes.


Ademais deste programa, o Pazo Quiñones de León acolle outras actividades como a visita xeral, "O pazo, historia e curiosidades", que se desenvolve os domingos ás 12.30 horas sen necesidade de facer inscrición previa. Esta actividade trata de presentar de xeito ameno a historia do pazo Quiñones de León. No percorrido, os participantes descubrirán algunhas curiosidades do pazo e das coleccións e como complemento subirán ás torres dende as que se pode gozar dunha privilexiada visión dos xardíns acompañada dunha breve explicación.

Para participar nas visitas guiadas para grupos e asociacións ao pazo de Castrelos é preciso realizar a reserva previa reserva, ao igual que ás visitas guiadas á sala de arqueoloxía e obradoiro de arqueoloxía, no teléfono 986 295 070. Porén, para participar no "Pequeno obradoiro de arqueoloxía. Convértete en arqueólogo por un día", que se realizará de martes a venres de 11:30 a 12:30 horas do 19 ao 31 de xullo non é preciso facer reserva previa.
Os percorridos guiados ao xacemento de O Castro, ata o mes de setembro, desenvólvense todos os días agás luns de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas. As visitas guiadas ao xacemento da Villa Romana de Toralla, pola súa banda, ata o mes de setembro, teñen lugar de martes a domingo de 12 a 20 horas.