Escoitar

O Museo de Castrelos organiza do 19 ao 31 de xullo un obradoiro de arqueoloxía, dirixido a todos os públicos

O Museo de Castrelos desenvolverá do 19 ao 31 de xullo unha nova actividade dirixida a todos os públicos, baixo o título "Pequeno obradoiro de arqueoloxía. Convértete en arqueólogo por un día". Segundo explica o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, esta iniciativa realizarase de martes a venres de 11:30 a 12:30 horas, e para participar non é preciso reservar previamente.

xoves, 15 xul 2010
"Pequeno obradoiro de arqueoloxía" é unha experiencia didáctica, divulgativa e interactiva, na que os participantes se transforman en arqueólogos e arqueólogas por un día. Seguindo pautas científicas, o obradoiro propón a realización dunha escavación arqueolóxica, que dará paso á experimentación dalgúns aspectos da vida cotiá das épocas escavadas relacionadas coa caza, a pesca, a elaboración de xoias, o fundido de metal e o acuñado de moedas, entre outros aspectos.

Para acadar estes obxectivos empregaranse os obxectos que aparecen na escavación e os propios recursos do obradoiro. Deste xeito poderanse escavar distintas épocas, como o paleolítico, o neolítico, o castrexo e a romanización, que permitirán afondar nos coñecementos sobre a historia de Vigo.

Esta nova actividade do Museo da Cidade está pensada para que se poda gozar en familia ou con amigos, xa que está dirixida a todos os públicos, tanto rapaces como maiores. As únicas condicións que se requiren é que a idade mínima para poder participar é 8 anos e os menores de idade sempre deben ir acompañados dunha persoa adulta.