Escoitar

O concelleiro de Cultura asegura que Patti Smith ofrecerá o domingo en Castrelos un concerto "á carta"

A cantante, compositora, poeta e activista política Patti Smith ofrecerá o domingo 18 de xullo (23:00 horas) en Castrelos un concerto á carta, no que "o repertorio non está decidido con anterioridade, senón que depende do ánimo do público e das peticións que reciba". Así o explicou o concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesús López, durante a rolda de prensa de presentación do concerto. No concerto, por suposto, non faltarán as cancións de sempre ("Because the night" ou "Gloria"), acompañados de temas novos.

venres, 16 xul 2010
1279285752Concerto.JPG
O nacionalista recoñeceu ser un seguidor da roqueira: "Despois do éxito rotundo do primeiro concerto de Castrelos, da man de Norah Jones, chega a Vigo a mítica Patti Smith, que nos introduciu a moitos nun novo estilo de música, que nos cativou á inmensa maioría e nos convenceu de que era posible un mundo novo". López recordou as diferentes facetas desta cantante: "É polifacética, cantante, compositora, poeta, activista política e cun plantexamento claramente antibelicista" e esta actitude pode levala a facer algunha referencia aos desaparecidos durante o levantamento militar en España, que coincide precisamente coa data do seu concerto en Vigo, 18 de xullo.

Este será o cuarto concerto da xira que realizará por España (formada por sete citas), xa que con anterioridade estivo en Mallorca (12 de xullo), Huelva (15 de xullo), Cartaxena (hoxe 16) e agora Vigo. Posteriormente, actuará en Madrid (20 de xullo), San Sebastián (21 de xullo) e finalmente San Feliu de Guisols (23 de xullo).

No momento da rolda de prensa estaban vendidas 1.500 entradas e ao longo da mañá as solicitudes multiplicáronse e ás 14 horas xa estaban vendidas 2.400 localidades. Aínda queda papel e as entradas poden mercarse tanto a través de Caixanova (www.servinova.com), na Central de Espectáculos (Velázquez Moreno) e no despacho de billetes no propio auditorio de Castrelos, o mesmo día do concerto. Os prezos das localidades son 10 euros en venda anticipada e 12 euros o mesmo día do concerto en Castrelos, no despacho de billetes a partir das 20:30 horas. A apertura das portas está previsto para ás 21:30 horas.

Biografía. Patti Smith é cantante, compositora, poeta, activista política e artista da imaxe. Considerada unha das principais estrelas do firmamento da música rock, Smith deu o asalto definitivo á fama co álbum Horses (1975), que fusionaba rock, punk e poesía falada. Pouco máis tarde, en 1978, colleitou un novo éxito mundial con Easter, que tivo como single o tema "Because the Night", escrito conxuntamente con Bruce Springsteen. Patti Smith ten un total de 10 discos publicados e numerosos libros de poemas e biográficos. O seu último libro Just Kids foi un éxito extraordinario que a levou a dar recitais poético–musicais por todo o mundo. A Castrelos, a "madriña do punk" ven acompañada por dous dos músicos da súa banda orixinal -Lenny Kaye na guitarra e Jay Dee Daugherty, na batería-, por Tony Shanahan, que a acompaña no baixo e nos teclados desde 1996, e máis por Jack Petruzzelli á guitarra.
Descargar todas as imaxes