Escoitar

O Museo de Castrelos acolle o domingo o obradoiro para familias "Landriña viaxa ao interior das paisaxes"

O vindeiro 16 de maio, o Museo Quiñones de León desenvolve unha nova edición do programa para familias "Domingos de museo", que se celebrará baixo o título "Landriña viaxa ao interior das paisaxes". Segundo destaca o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, esta iniciativa ten o obxectivo de dar a coñecer o Museo da Cidade a todos os públicos.

venres, 14 mai 2010
O programa "Domingos de museo" é de carácter gratuíto e está dirixido a nenos e nenas entre os 4 e os 12 anos. Desenvólvese de 11:30 a 13:30 horas cun número máximo participantes de 25 persoas sen necesidade de facer reserva. Os familiares que acompañan aos cativos e cativas poden participar na actividade ou deixalos ao coidado dos educadores e educadoras.

Landriña, a mascota do museo, propón para o vindeiro domingo un itinerario polas súas paisaxes favoritas da colección do pazo. No percorrido, poderase observar como ademais de utilizar a liña e a cor, os e as artistas utilizan a luz e as sombras para crear ambientes e sensacións en función do que queren suxerir.

A aventura nas salas completarase cun xogo que ten coma base os cadros seleccionados e onde se poñerá a proba a observación dos participantes. Finalmente, estes converteranse en artistas e realizarán a súa propia obra na que terán que cambiar as cores dunha paisaxe a medida que avanza o día.

O seguinte domingo de maio, o día 23, a programación completarase co obradoiro "O ladrón de cores" e o 30 de maio: "Landriña descobre o retrato". O museo tamén organiza un programa para escolares que leva a cabo visitas para grupos de infantil, primaria e secundaria os martes, mércores, xoves e venres de 10 a 12 horas. É preciso facer a reserva previamente nos teléfonos 986 295 070 e 986 239 372 ou no correo electrónico saves.museocastrelos@vigo.org.

O público xeral tamén ten a posibilidade de realizar visitas guiadas ao Museo da Cidade "Quiñones de León", de xeito que ao pazo poden facerse os martes, mércores, xoves, venres e domingo ás 12 horas, mentres que as visitas guiadas ao xardín histórico son os martes, mércores, xoves, venres e domingo ás 13 horas. Finalmente, as visitas guiadas ao pazo e ao xardín histórico para grupos e asociacións poden realizarse, facendo reserva previamente, os martes, mércores, xoves e venres ás 12 horas.