Escoitar

María Méndez anuncia que o programa bono-taxi para fomentar a mobilidade incrementouse nun 58% respecto ao 2009

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este xoves que ao longo do ano 2010, un total de 158 persoas beneficiaranse do programa bono-taxi, un 58% máis que na convocatoria anterior. Cada unha delas recibirá unha axuda de 450 euros. A edil do BNG afirmou que o obxectivo desta iniciativa é o de favorecer o desprazamento na cidade, mediante a utilización do servizo público de taxi, a aquelas persoas afectadas de graves dificultades de mobilidade, e que non poden utilizar o transporte público colectivo.

xoves, 13 mai 2010
1273753983taxi.JPG
María Méndez lembrou que esta "novidosa iniciativa" foi posta en marcha no ano 2008, e xa no ano 2009 foron 100 as persoas que empregaron o servizo. Na convocatoria actual, presentáronse 178 solicitudes, das que 20 foron desestimadas por non cumprir os requisitos. "Deste xeito concedemos todas as axudas previstas, que contan cun orzamento global de 72.000 euros", destacou.

A concelleira de Benestar Social resaltou a aceptación que tivo esta medida dende o primeiro momento, polo que tendo en conta a progresión das solicitudes, sinalou que é previsible que a demanda siga aumentando. Asemade, sinalou que o pago da axuda será aboado a través dunha Tarxeta Prepago que se entregará a cada beneficiario da subvención e que deberá gastar ata o 20 de decembro deste ano.

Respecto ás novidades, María Méndez destacou que este ano é posible solicitar a tarxeta directamente ás oficinas de Caixa Galicia; asemade, comentou que as persoas que queiran coñecer o seu saldo poden facelo a través da páxina web e que a clave identificatoria se enviará a través de sms.

No tocante aos requisitos para solicitar a subvención, a concelleira de Benestar Social indicou que é preciso estar empadroado e residir no municipio de Vigo cunha antigüidade dun ano; ter catro anos cumpridos antes da finalización do prazo para solicitar as axudas; estar afectado por graves dificultades de mobilidade, sen estar imposibilitado totalmente para o desprazamento; ter recoñecida a condición legal de minusvalía polo Equipo de Valoración e Orientación (EVO) dependente da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galiza.

María Méndez tamén apuntou que a persoa solicitante non pode ser titular dun automóbil adaptado para a condución e respecto aos recursos económicos das solicitantes sinalou que nesta ocasión non foi preciso telos en conta no baremo de solicitantes. "Co bono-taxi, ademais de fomentar a mobilidade das persoas con discapacidade, contribuímos ao mantemento do emprego no sector do taxi, xa que se desenvolve a través do servizo Radio Taxi", destacou a concelleira de Benestar Social.

Preguntada pola xuntanza que mantivo coa secretaria xeral de Benestar con motivo da construción do albergue en Vigo, a concelleira nacionalista explicou que nesa reunión "ensinóuselle o proxecto e quedamos en enviarlle unha copia proximamente".

Respecto ás declaracións efectuadas pola da delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares, nas que expresaba o compromiso da administración autonómica para colaborar na construción do novo centro, María Méndez dixo que a súa valoración é "moi positiva". Engadiu, por outra banda, que era "a que agardábamos, que a Xunta cumprise a súa palabra". Neste sentido lembrou que o goberno galego expresou o seu compromiso de colaborar se Vigo poñía os terreos e o proxecto. "E o Concello de Vigo pon unha parcela valorada en 450.000 euros e 350.000 euros da primeira fase do proxecto", destacou.
Descargar todas as imaxes