Escoitar

Santi Domínguez clausura o programa "Camiña con nós pola igualdade", que reuniu a 2.622 escolares de 35 centros

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, clausuraron este mércores unha nova edición do programa "Camiña con nós pola igualdade", que na súa quinta convocatoria se impartiu en 35 centros escolares e acadou os 2.622 alumnos e alumnas participantes. No acto, que tivo lugar no EEI Monte da Guía, os nacionalistas salientaron a importancia de traballar a prol da igualdade de oportunidades dende o eido educativo.

mércores, 12 mai 2010
1273666592Cami.JPG
"Creo que estamos facendo un bo traballo, que nos dá moita esperanza e ilusión ao ver que a través das monitoras os nenos e nenas captan mellor o valor da igualdade que moitos maiores", destacou o tenente de alcalde despois de falar cos rapaces e rapazas participantes, de 3, 4 e 5 anos, do EEI Monte da Guía, no que se desenvolveron tres obradoiros nesta edición do programa

Santi Domínguez manifestou a súa satisfacción ao escoitar aos nenos e nenas dicir que comezarán a colaborar na súa casa cos seus pais e coas súas nais e que saben que hai distintos tipos de familias, que son todas iguais. "Hoxe sorprendeume positivamente a resposta dos rapaces", comentou ao respecto.

Para o tenente de alcalde, "é un éxito comprobar que estes valores se van inculcando nos máis pequenos, porque eles e elas tamén terán que traballar para erradicar a violencia de xénero", salientou. Precisamente a finalidade do programa é fomentar a educación en igualdade de oportunidades entre nenas e nenos de Educación Infantil e 6º curso de Primaria.

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, destacou que ademais dos servizos dirixidos ás mulleres vítimas de violencia de xénero, un dos traballos fundamentais do seu departamento e a prevención a través da educación e o traballo cos máis pequerrechos. Na súa intervención fixo referencia tamén a experiencia das monitoras, que aseguran que é doado traballar cos nenos e nenas de 3 anos, porque aínda non teñen prexuízos; pola contra, xa a partir dos 5 anos comezan a ver os distintos estereotipos sociais.

Na primeira edición do programa, no curso 2005-2006, foron 20 os centros de ensino participantes; no curso 2006-2007 participaron 32 centros; no curso 2007-2008 participaron 29 centros; no curso 2008-2009 os obradoiros impartíronse en 30 centros e xa no curso 2009-2010 son xa 35 os centros nos que se impartiu o programa.
Descargar todas as imaxes