Escoitar

O Concello aproba definitivamente a ordenanza que regulará a convivencia cidadá e o ocio

O Pleno da Corporación Municipal de Vigo ratificou hoxe luns a normativa contra o botellón, que entrará en vigor 15 días despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. A ordenanza procura "facer de Vigo un modelo de convivencia e calidade de vida" e o goberno vigués xa avanzou que a aplicación da norma iniciarase na rúa Joaquín Loriga.

luns, 30 mar 2009
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo, en sesión ordinaria deste luns, aprobou definitivamente a ordenanza reguladora da convivencia cidadá e o ocio, normativa que entrará efectivamente en vigor 15 días despois da publicación da mesma no Boletín Oficial da Provincia, norma que procura "facer de Vigo un modelo de convivencia e de calidade de vida", salientou Xulio Calviño.

Segundo a normativa, a Xunta de Goberno Local terá as competencias para designar as zonas que afectará a nova ordenanza, e o Concello xa avanzou que a rúa Joaquín Loriga será o primeiro ámbito en aplicarse.

O concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Xulio Calviño, explicou hoxe luns que o texto inicialmente aprobado recibiu dúas alegacións, a cargo dos empresarios de discotecas e do Valedor do Cidadá, Luis Espada.

Os primeiros solicitaron a prohibición total da venda e consumo de alcohol na vía pública -rexeitada porque se procura coa normativa "limitar o dereito de reunión cando se vulneren outros dereitos constitucionais" como a saúde ou o descanso- e ademais tampouco comparten que a sanción económica poida ser conmutada por cursos de convivencia ou traballos sociais, tamén desestimada porque a norma non ten "ningunha vontade recadadora" pois adopta accións preventivas para vivir en convivencia e benestar, indicou o edil.

O Valedor do Cidadá, Luis Espada, presentou alegacións de carácter técnico e o concelleiro destacou que, de modo coordinado co Concello, incluíuse de xeito expreso o dereito dos infratores para alegar e que o importe das sancións se dedique a mellorar o espazo urbano e tamén a financiar campañas de concienciación para a xuventude sobre o alcoholismo.

Outros acordos
O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns por unanimidade dos grupos o cambio de denominación do antigo CEIP Eijo Garay, que pasa a chamarse CEIP "Illas Cíes" e se deu conta asemade da liquidación do orzamento municipal do 2008 e dos seus organismos autónomos, así como do informe do Interventor Xeral relativo á estabilidade parlamentaria.

Mocións

Presentaronse ao pleno nove mocións dentro da orde do día,na sua totalidade de grupo municipal do PP, das que se aprobaron oito. No apartado de documentos adxuntos incorpóranse os textos da mocións aprobadas.

Máis información