Escoitar

Santi Domínguez destaca que a mostra da Reconquista é a máis visitada de Castrelos, con preto de 5.000 persoas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, sinalou este luns que a exposición "Reconquista: 1809-2009", aberta no Museo Municipal Quiñones de León dende o pasado 6 de marzo ata onte, 29 de marzo, recibiu un total de 4.842 visitantes. Segundo Santi Domínguez, a mostra é xa a exposición máis visitada de todas as programadas na historia do Museo de Castrelos.

luns, 30 mar 2009
"Dende Tenencia de Alcaldía estamos tremendamente satisfeitos pola boa acollida que tivo esta exposición, posto que demostra o interese que os vigueses e as viguesas teñen respecto a súa historia", salientou o nacionalista. O tenente de alcalde manifestou a súa satisfacción pola repercusión que a mostra tivo entre a cidadanía viguesa, pero tamén salientou o feito de que moitos visitantes chegaron de diferentes puntos de Galiza.

Dos cerca de 5.000 visitantes, 1.800 foron escolares da cidade que percorreron a exposición cunha guía que, ataviada da época, lles explicou os pormenores do acontecido en Vigo hai douscentos anos. O ritmo de visitantes ao pazo museo foi de 250 persoas ao día. A mostra, organizada pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura, contou coa colaboración do Ministerio de Defensa, o Ministerio de Cultura e o Bispado de Tui-Vigo, entre outras entidades. Os visitantes, maioritariamente de Vigo e a súa bisbarra, tamén viaxaron dende Pontevedra, Santiago e Ourense, entre outras cidades galegas e portuguesas, para visitar a exposición.

A exposición "Reconquista: 1809-2009", que amosou un amplo catálogo de pezas para narrar a historia da Reconquista de Vigo no marco das guerras napoleónicas, foi a de maiores dimensións das organizadas no Museo de Castrelos na súa historia. A instalación ocupou as dúas plantas do Pazo Quiñones de León, ademais das salas do novo anexo. O número total de pezas cedidas para a exposición superou os dous centenares: armas, uniformes, miniaturas, dioramas, montaxes audiovisuais e documentos procedentes de diversas institucións.

Por outra banda, Santi Domínguez indicou que nestes días se están a recibir os traballos escolares para o concurso sobre a Reconquista dirixido aos alumnos e alumnas vigueses de Educación Secundaria Obrigatoria. O tenente de alcalde salientou que os traballos recibidos teñen gran calidade e incluso inclúen na súa realización elementos multimedia. A aula gañadora terá como premio unha viaxe a París, mentres que os os segundos clasificados poderán gozar dunha viaxe a Lisboa. O fallo do xurado producirase a finais do mes de abril.