venres, 14 mai 2010
O vindeiro 16 de maio, o Museo Quiñones de León desenvolve unha nova edición do programa para familias "Domingos de museo", que se celebrará baixo o título "Landriña viaxa ao interior das paisaxes". Segundo destaca o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, esta iniciativa ten o obxectivo de dar a coñecer o Museo da Cidade a todos os públicos.
xoves, 13 mai 2010
O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este xoves a nova edición do convenio coa Agrupación de Centros Culturais de Vigo, que ascende a 15.000 euros. Na presentación, na que tamén participou o presidente da entidade, Roberto Giráldez, o nacionalista destacou que esta iniciativa trata de facer partícipes aos barrios e parroquias de Vigo nas actividades culturais mediante o apoio ao programa "Vente con nós" e a Semana de Teatro Afeccionado.
martes, 11 mai 2010
O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este martes que o Verbum celebrará o vindeiro xoves, 13 de maio ás 20 horas, o 25 aniversario da gravación da primeira película en galego polo director Chano Piñeiro mediante a proxección do documental "Mamasunción volve ao correo". Na presentación da obra, na que tamén participaron a viúva do director galego, Mari Luz Montes, e o codirector da mesma, Francisco Rozados, o concelleiro do BNG destacou que o documental é "unha reflexión do feito histórico que nos permite falar de cine en galego".
venres, 7 mai 2010
No marco do programa para familias "Domingos de museo" que organiza o Museo da Cidade Quiñones de León, este vindeiro domingo 9 de maio terá lugar o obradoiro "Landriña descobre os segredos do pazo", segundo anunciou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. Este programa, de carácter gratuíto e dirixido a nenos e nenas entre os 4 e os 12 anos, ten lugar de 11:30 a 13:30 horas e para participar non é necesario facer reserva.
mércores, 5 mai 2010
O mural "Pegadas e fume" inaugurarase o vindeiro 16 de maio ás 12 horas no palco do parque de Castrelos coa asistencia das persoas que participaron na súa creación, en total máis de 2.000, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. Este mural forma parte do do proxecto artístico "Cidade de soños", no que acadar a implicación da cidadanía para crear unha obra de arte colectiva é un dos principais obxectivos.
martes, 4 mai 2010
A partir do mércores, 5 de maio, xa está activo o servizo de venda de abonos para o 6º Festival de Jazz de Vigo "Imaxina Sons". Este ano incorpora importantes novidades xa que se poderá adquirir un abono para os concertos do festival que teñen lugar en MARCO (3 concertos) e Auditorio Municipal (4 concertos) ademais do habitual abono para as 3 actuacións que teñen lugar na Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova. Quen desexe adquirir os dous abonos (10 concertos en total) obterá unha bonificación do 15% na compra telefónica.
xoves, 29 abr 2010
O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este xoves o festival de jazz Imaxina Sons, que se celebrará do 23 de xuño ao 4 de xullo en diversos espazos da cidade, como o recén reformado Auditorio Municipal. O nacionalista salientou que nesta sexta edición o festival "non se pon límites" e aínda que se centra no jazz europeo tamén fai incursións no jazz latinoamericano.
mércores, 21 abr 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este mércores o proxecto arquitectónico do Centro Galego de Fotografía, xunto aos concelleiros de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, e Cultura, Xesus López. Destacou que a nova instalación cultural terá un edificio singular, que combinará contorno histórico e modernidade, e avanzou que o obxectivo e iniciar as obras no verán.
martes, 20 abr 2010
O primeiro andar da Casa das Artes acollerá dende o mércores unha exposición do artista lucense Antón Patiño, organizada pola Concellería de Cultura. A mostra, que está integrada por 133 obras da primeira etapa de Patiño que combina diversos formatos, poderá visitarse ata o vindeiro 23 de maio.
luns, 19 abr 2010
O concelleiro de Cultura, Xesus López, e o director do Verbum-Casa das Palabras, Rosendo Covelo, presentaron este luns a programación que se desenvolverá no museo con motivo do seu séptimo aniversario. Explicaron que do 20 ao 25 de abril serán xornadas de portas abertas e estes días haberá tamén espectáculos teatrais e obradoiros para todos os públicos, así como o XV Congreso de Ponte nas Ondas e unha actuación no marco do Festival Sinsal.