mércores, 23 feb 2011
O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este mércores a terceira edición do programa Duplo R, que terá lugar o venres, 25 de febreiro, na sala Inferno a partir das 19:30 horas, co obxectivo de unir dúas liñas como son a tradición galega das regueifas e a expresión cultural urbana do rap e o hip hop. Como novidade, Xesus López anunciou que ás 18 horas celebrarase unha sesión de grafiti e break na confluencia das rúas Urzáiz e Méndez Núñez.
mércores, 23 feb 2011
O Auditorio Municipal acolle mañá, 24 de febreiro, unha nova actuación organizada pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural dentro do seu programa estable de artes escénicas. Será o concerto que ofrecerá a Sociedade Filharmónica, integrada polo dúo do pianista Juan Manuel Varela e a soprano Aida López Carrera, a partir das 20.30 horas. As entradas teñen un prezo de 5 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.
Psicanálise, Marxismo, Feminismo: a esquerda lacaniana<br />
Análise de textos de Slavoj Zizek, Ernesto Laclau e Judith Butler
martes, 22 feb 2011
Do mércores 23 de febreiro e ata o vindeiro 7 de abril ,en horario de 18 a 21 horas, terá lugar no museo Verbum – Casa das Palabras un Seminario de Filosofía Política con conferencias a cargo das figuras máis destacadas do pensamento contemporáneo. A entrada é de balde.
venres, 18 feb 2011
Para conmemorar o 75 aniversario do pasamento de Valle-Inclán, o museo Verbum oferta unha completa programación de actividades que xiran ao redor da súa figura. Así, poderase ver a exposición temporal "Valle-Inclán, Palabra e Imaxe" ata o vindeiro 27 de febreiro, e participar nos obradoiros dos domingos deste mes, "Cantiga de Vellas", o seu único poema en galego.
venres, 18 feb 2011
A Concellería de Cultura e Animación Sociocultural organiza no Auditorio Municipal dúas actuacións ben diferentes para este fin de semana. Mañá sábado, 19 de febreiro, propón gozar co concerto que ofrecerá Mark Kozelez a partir das 21 horas. As entradas teñen un prezo de 10 euros. O domingo, o mago Cali abrirá as portas da imaxinación dos máis pequenos e pequenas co espectáculo "Contos de maxia", ás 18 horas. As entradas teñen un prezo de 3 euros para os nenos e nenas ata 12 anos e 5 euros para os maiores. Nos dous casos pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.
xoves, 17 feb 2011
O museo Verbum – Casa das Palabras inaugura hoxe a exposición temporal "O OBXECTO POÉTICO E A EDICIÓN. DÚAS ACHEGAS DENDE O SURREALISMO" que se poderá visitar ata o vindeiro 1 de maio en horario de martes a domingo de 10 a 19 horas. A mostra é unha incursión no surrealismo mediante un proxecto expositivo realizado ad hoc para o Verbum da man da Fundación Granell.
xoves, 17 feb 2011
O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez Díaz, visitou hoxe o Concello de Vigo para inaugurar unha mostra sobre a cidade lucense que estará exposta na rúa Príncipe. Abel Caballero e Santiago Domínguez deron a benvida ao rexedor monfortino e percorreron unha mostra que conmemora os 125 anos de Monforte como cidade.
xoves, 17 feb 2011
"A illa das mulleres loucas" representarase mañá, 18 de febreiro, no Auditorio Municipal dentro do programa "Con T de Teatro", que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. A obra, interpretada por Inversa Teatro e dirixida ao público adulto, terá lugar ás 21 horas e conta con música orixinal composta por dous integrantes de Berrogüeto, que a interpretan en directo. As entradas, que teñen un prezo de 7 euros, pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.
mércores, 16 feb 2011
O programa de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural no Auditorio Municipal continúa mañá, 17 de febreiro, cun espectáculo de danza contemporánea para todos os públicos. Trátase da obra "Sono silente", que representará a compañía Bstudiodanza ás 20.30 horas. O prezo das entradas é de 5 euros, e poden mercarse na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.
martes, 15 feb 2011
Co apoio da Concellería de Cultura, un grupo creativo formado por mozos e mozas que coincidiron estudando Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo presentará o xoves, 17 de febreiro ás 19 horas, na Casa Galega da Cultura, a curtametraxe "Camiño da memoria". O traballo, centrado no Alzheimer, foi premiado o ano pasado co Amal Express no festival de cine euroarabe Amal, e obtivo a Mención Honorífica da Sociedade galega de xerontoloxía e xeriatría. A entrada será de balde, até completar aforo.