Escoitar

Xesus López presenta a James Blunt como o terceiro gran concerto das Festas de Vigo o 31 de xullo en Castrelos

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este venres o seguinte concerto xa pechado das Festas de Verán 2011, que será o que o cantante británico James Blunt ofrecerá o 31 de xullo en Castrelos, para presentar o seu último traballo, "Some Kind of Trouble". Segundo destacou o concelleiro nacionalista, este será "o terceiro gran concerto das Festas de Verán de Vigo", que se suma aos de Juanes o 15 de xullo e o de Bad Religion, que o 14 de agosto.

venres, 20 mai 2011
1305894447blunt.JPG
"O de James Blunt é outro gran concerto que de seguro vai supoñer outro gran éxito para Castrelos", asegurou Xesus López, quen afirmou que contribuirá a que o nome de Vigo "siga soando no só no resto do Estado, senón tamén no resto de Europa". O nacionalista lembrou que tras o seu paso polo exército, James Blunt acadou a fama internacional en 2004 co seu primeiro traballo "Back To Bedlam", e sobre todo co sinxelo "You’re Beautiful", que se puido escoitar na rolda de prensa. Recordou tamén que co seu estilo mestura de diversos xéneros musicais, o álbum vendeu once millóns de copias en todo o mundo e alcanzou as primeiras posicións nas listas de vendas de dezaseis países.

O concelleiro de Cultura indicou que no 2006 acadou dous Brit Awards, ao mellor artista pop e mellor artista masculino, e no ano seguinte presentou seu segundo disco, "All The Lost Souls", co que volveu a ser número 1 en más de 10 países. Tras vender máis de 18 millóns de discos, Blunt regresou no 2010 para presentar o seu terceiro álbum "Some Kind of Trouble", cun espectáculo que foi transmitido mundialmente a través de YouTube.

Segundo Xesus López, o novo traballo marca un punto e aparte respecto ao pasado, partindo cara novos sons, na que se aprecia un maior optimismo. Finalmente, agradeceu o traballo de Bibiano Morón e a súa produtora, Articket, "polo seu olfacto musical, porque nos facilita moito as eleccións despois", asegurou. Pola súa banda, Bibiano Morón, felicitou "aos vigueses e viguesas por ter a un concelleiro de Cultura tan preparado como Xesus López". Respecto ao concerto de James Blunt, sinalou que se está preparando a montaxe, "que é das máis complicadas e sofisticadas das que pasaron por Castrelos". Neste sentido, indicou que parte do material "terá que vir de fóra porque non está ao alcance das produtoras españolas".
Descargar todas as imaxes