"Vigo cidade de Babel", exposición no Verbum

venres, 29 abr 2011

O museo Verbum – Casa das Palabras abre o día 29 de abril a exposición temporal "Vigo Cidade Babel. O Verbum da diversidade lingüística". A mostra consta de tres ámbitos, un adicado ás linguas do mundo, outros ás linguas do Estado e outro ao galego en Vigo.

A compañía Proxecto Titoyaya interpreta o domingo a obra "Moniquilla y el ladrón de risas" no Auditorio Municipal

venres, 29 abr 2011

A Concellería de Cultura e Animación Sociocultural propón para o domingo un novo espectáculo no Auditorio Municipal para conmemorar o Día Mundial da Danza. Trátase da obra "Moniquilla y el ladrón de risas", que a compañía Proxecto Titoyaya interpretará ás 18 horas para todos os públicos. Por outra banda, a obra do programa Vigo a Escena "Cinderella Mix" que mañá, 30 de abril, ía a representar a compañía Artello-Teatro na Asociación Veciñal Praza da Miñoca, queda suspendida.

O coro Concento ofrece mañá venres un concerto na Colexiata dirixido polo novo director da formación José Luis Vázquez

xoves, 28 abr 2011

O coro Concento Vigo, formado co apoio da Tenencia de Alcaldía, a Concellería de Cultura e a Asociación Musical Cidade de Vigo para promover o coñecemento musical, ofrecerá mañá un concerto gratuíto ás 20.30 horas na Colexiata. A concellería de Cultura destaca que a formación actuará baixo a batuta do seu novo director, José Luis Vázquez López, director dos Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia e subdirector do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Javier Krahe presenta mañá no Auditorio Municipal o seu último traballo discográfico "Toser y cantar"

mércores, 27 abr 2011

O Auditorio Municipal acolle mañá, 27 de abril, a actuación de Javier Krahe, na que o cantautor madrileño presentará ás 20.30 horas o seu último disco, "Toser y cantar", lanzado o ano pasado xunto co libro "De mil amores". O prezo das entradas é de 10 euros, e pódense mercar na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación

O Auditorio Municipal acolle mañá mércores a proxección do documental "Memoria do nacionalismo galego"

martes, 26 abr 2011

A variada programación que a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural organiza no Auditorio Municipal continúa mañá, ás 20.30 horas, coa proxección do documental "Memoria do nacionalismo galego", elaborado para conmemorar o 125 aniversario do nacemento de Castelao. O filme está dirixido por Xabier Macías, Comba Campoy e Xosé Zapata e a asistencia é gratuíta ata completar a capacidade do Auditorio.

A biblioteca Xosé Neira Vilas continúa o mércores o programa de animación á lectura cun obradoiro de encadernación

luns, 18 abr 2011

A biblioteca pública Xosé Neira Vilas acollerá o vindeiro mércores, 20 de abril ás 19 horas, un obradoiro de encadernación xaponesa, segundo informa a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. Esta iniciativa enmárcase no programa de animación á lectura deste novo espazo cultural da cidade e terá lugar no marco da celebración do Día do Libro.

Presentacion do libro "Laxeiro. Os escritos de Don Ramiro"

venres, 15 abr 2011

Oluns 18 presentase ás 19.30 horas na Casa sa Cultura a publicación titulada: Laxeiro. Os escritos de Don Ramiro.O libro supón un auténtico descubrimento da faceta literaria de Laxeiro. Un traballo que recolle un total de 116 textos, dos que 83 son inéditos e 33 foron recompilados de diferentes publicacións.

Danza e teatro infantil son as propostas do Auditorio Municipal para este fin de semana

venres, 15 abr 2011

A programación de artes escénicas que a Concellería de Cultura organiza no Auditorio Municipal continúa este fin de semana con dúas propostas diferentes, como son a danza e o teatro infantil. Mañá, 16 de abril, a compañía Sólodos Neodans interpretará o espectáculo "Sólodos" ás 21 horas. O domingo, 17 de abril ás 18 horas, Ghazafellos representará a obra "Frankestein", recomendada para nenos e nenas a partir dos 5 anos. O prezo das entradas para o espectáculo de danza é de 5 euros, e para o teatro é de 3 euros para os nenos e nenas até 12 anos e 5 euros para os maiores; nos dous casos pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

Xesus López presenta os actos do aniversario do Verbum, coas exposicións "Vigo, cidade Babel" e "Galiza nas ondas"

venres, 15 abr 2011

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este luns a programación do museo Verbum que conmemora o octavo aniversario da súa apertura, e na que a diversidade lingüística é o eixo central. Na presentación, o nacionalista salientou tres elementos fundamentais nesta programacion, como son o Plan Museolóxico do museo e as exposicións "Vigo, cidade Babel", que se inaugurará o 29 de abril, e "Galiza nas ondas", que comezará o 4 de maio.