martes, 12 abr 2011
O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este martes o concerto que Roi Casal ofrecerá mañá, 13 de abril, ás 20.30 horas, no Auditorio Municipal. Xesus López destacou que o músico, ex compoñente de Berrogüeto, presentará o seu novo traballo discográfico "Maxicamente Vello". Para asistir ao concerto, o prezo das entradas é de 10 euros e pódense adquirir na taquilla unha hora antes do comezo da actuación e na web www.laboleteria.es.
luns, 11 abr 2011
O Auditorio Municipal continúa mañá, 12 de abril, coa programación estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural. Trátase do XV Festival dos Reencontros, que a partir das 20.30 horas terá lugar baixo a dirección de Wenceslao Cabezas, Polo. A asistencia a este espectáculo é gratuíta ata completar o aforo.
venres, 8 abr 2011
A programación que a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural organiza no Auditorio Municipal propón para este fin de semana dúas actuacións ben diferentes. Mañá, 9 de abril, celebrarase ás 21 horas un concerto de Noitarega, no que presentarán o repertorio do seu novo traballo "XXI". O domingo, ás 18 horas, terá lugar un espectáculo de maxia para todos os públicos a cargo do Mago Rafa. Para asistir ao concerto, o prezo das entradas é de 5 euros, mentres que para a función de maxia custan 3 euros para os nenos e nenas até 12 anos e 5 euros para os maiores; nos dous casos pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.
venres, 8 abr 2011
Abel Caballero e Begoña Torres, vogal do Ministerio, participaron este venres na rolda de prensa de presentación de "Hotel MARCO", a nova mostra de Michael Lin xunto con rvr Arquitectos, que ábrese hoxe no MARCO de Vigo. O Espazo Anexo do centro reinvéntase e vive a súa maior transformación dende a súa apertura no ano 2004 como sala de proxectos, dando inicio a un novo período con esta proposta, que consiste en transformar o lugar nun cuarto de hotel con distintos usos.
xoves, 7 abr 2011
O Auditorio Municipal acollerá mañá, 8 de abril, unha nova proposta do programa "Con T de Teatro", que organiza a Concellería de Cultura. Neste caso trátase da comedia "Frantasmas", que a compañía Producións Acontrabutaca interpretará ás 21 horas. O prezo das entradas para asistir a esta función é de 7 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.
mércores, 6 abr 2011
O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este mércores o Circo dos Horrores, que estará instalado en Samil do 14 ao 24 de abril. O concelleiro nacionalista salientou que é unha proposta na que se misturan "teatro, cabaré e circo" que terá lugar todos os días ás 19 e 22 horas, agás os domingos, que as funcións serán ás 17 e ás 20 horas.
mércores, 6 abr 2011
A programación estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura no Auditorio Municipal continúa mañá, 7 de abril, ás 20.30 horas, co espectáculo "Aló irmao!", interpretado por Fran Pérez Narf, Manecas Costa. O prezo das entradas é de 10 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.
luns, 4 abr 2011
O concelleiro de Cultura, presentou este luns a proxección da curtametraxe documental "Rodilla" sobre o ex xogador do Celta Fernando Rodilla, que terá lugar mañá, 5 de abril, no Auditorio Municipal ás 20.30 horas, con entrada gratuíta ata completar o aforo. Tras a proxección da curtametraxe, dirixida por Juanjo Jiménez, o nacionalista adiantou que haberá un coloquio no que participará o propio Fernando Rodilla, así como Patxi Salinas e Vlado Gudelj. Xesus López salientou que o cinta resultou gañadora do premio Proxecto Curtametraxe do Cinema Jove de Valencia
venres, 1 abr 2011
O concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesus López, presentou este venres o concerto que abrirá o programa das Festas de Verán de Vigo 2011. Trátase da actuación que ofrecerá o artista colombiano Juanes o 15 de xullo no auditorio de Castrelos, na que ademais de interpretar algúns dos maiores éxitos da súa carreira como "Volverte a Ver", "La Camisa Negra", "Me Enamora" ou "A Dios le Pido", Xesus López avanzou que presentará os temas do seu último disco, "P.A.R.C.E", entre os que destacan cancións como "Regalito" ou "Yerbatero".
mércores, 30 mar 2011
O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este mércores a terceira edición do ciclo de poesía "Poesías para unha vida", que se celebrará no museo Verbum entre o 1 e o 16 de abril. "Achegar ao público o mundo da poesía experimental a través de diferentes manifestacións artísticas como a música e a danza" é o obxectivo desta iniciativa, segundo destacou o nacionalista.