Xesus López anuncia que o Festival Isto Ferve reunirá do 4 ao 27 de marzo no Ensalle a catro compañías de longa traxectoria

martes, 1 mar 2011

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe a sétima edición do festival Isto Ferve, que terá lugar do 4 ao 27 de marzo no Teatro Ensalle. O nacionalista salientou a importancia de organizar festivais de teatro alternativo, como este certame, no que participarán catro compañías de longa traxectoria: Provisional Danza, Magrinyana, Cambaleo Teatro e El Canto de la Cabra.

A Orquestra Vigo 430 actúa mañá mércores no Auditorio Municipal cun programa que inclúe obras de Mendelssohn e Britten

martes, 1 mar 2011

O programa estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural no Auditorio Municipal continúa mañá, 2 de marzo ás 20.30 horas, cunha nova actuación da Orquestra Vigo 430. O concerto terá a Alejandro Garrido como director e nesta ocasión contará con Anna Puig como viola solista. O prezo das entradas é de 5 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

Inauguración de Música en Branco no Verbum

luns, 28 feb 2011

O próximo martes 1 de marzo, ás 20.00 horas no Museo Verbum , o Festival Sinsal presenta a "primeira parada" da exposición MÚSICA EN BRANCO: MEMORIA DUNHA CIDADE. Ata o 27 de marzo, poderase visitar esta exposición e participar nunha obra colectiva, unha homenaxe á música que nos emociona.

A exposición "Vermellas. Chamábanlles rojas" inaugúrase na Casa das Artes e pon nome e rostro ás represaliadas

venres, 25 feb 2011

Da man do Consello Municipal da Muller, a Concellería de Igualdade e a Concellería de Cultura, a mostra "Vermellas. Chamábanlles rojas" inaugúrase o venres 25, na Casa das Artes, co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, e poderá ser visitada ata o vindeiro día 20 de marzo. Froito do proxecto de investigación interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" da Universidade de Santiago, a exposición pon nome e rostro ás mulleres represaliadas en Galicia tras o golpe de estado de 1936 mediante abundante documentación literaria, ademáis de fotografías e material audiovisual.

O musical "Inside... The wall" e o teatro infantil son as propostas do Auditorio Municipal para este fin de semana

venres, 25 feb 2011

Música e teatro centran as propostas que a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural organiza no Auditorio Municipal para este fin de semana. Mañá sábado, 26 de febreiro, terá lugar o musical "Inside... The wall" ás 21 horas, en homenaxe ao clásico de Pink Floyd. O domingo, a compañía La Tirita Teatro interpretará a obra "Bajo mi cama una estrella" ás 18 horas, recomendada para nenos e nenas de 3 a 7 anos. Nos dous casos pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

Santi Domínguez inaugura en Castrelos a mostra "Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade", con 110 pezas orixinais

venres, 25 feb 2011

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou este venres a exposición "Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade" no Museo da Cidade "Quiñones de León". Integrada por 110 obras orixinais e con música creada especificamente para acompañar as visitas, poderá visitarse ata o 26 de febreiro de 2012. Segundo destacou o nacionalista, esta mostra é a máis importante dos últimos anos, xa que supón "o paso definitivo para transformar o Pazo de Castrelos en sede permanente dunha exposición sobre a historia da cidade ".

Santi Domínguez afirma que o Centro Galego de Fotografía impulsa a reconquista do Casco Vello e a vertebración cultural

xoves, 24 feb 2011

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asistiu este xoves na ao inicio das obras do Centro Galego de Fotografía, que albergará as coleccións fotográficas dos arquivos Pacheco, Ksado e os fondos das Fotobienais. Segundo destacou o nacionalista este novo espazo cultural de Vigo dá resposta a dous obxectivos cos que se comprometeu o BNG ao asumir tarefas de goberno, como son a recuperación do Casco Vello e a creación dunha "verdadeira rede museística que poña en valor o patrimonio cultural e histórico da cidade", á que tamén contribuirá a apertura da Pinacoteca.

O Auditorio Municipal acolle mañá venres a obra para público adulto "Exitus", a cargo da compañía Titzina Teatro

xoves, 24 feb 2011

O programa "Con T de Teatro" continúa mañá, 25 de febreiro, no Auditorio Municipal coa obra "Exitus", que a compañía Titzina Teatro interpretará a partir das 21 horas. Segundo informa a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, o prezo das entradas é de 7 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación. A programación completa do Auditorio Municipal pódese consultar na web www.vigocultura.org.

Xesus López anuncia que o programa Duplo R, ademais do concerto, inclúe como novidade unha sesión de grafiti e break

mércores, 23 feb 2011

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este mércores a terceira edición do programa Duplo R, que terá lugar o venres, 25 de febreiro, na sala Inferno a partir das 19:30 horas, co obxectivo de unir dúas liñas como son a tradición galega das regueifas e a expresión cultural urbana do rap e o hip hop. Como novidade, Xesus López anunciou que ás 18 horas celebrarase unha sesión de grafiti e break na confluencia das rúas Urzáiz e Méndez Núñez.

A Sociedade Filharmónica interpretará mañá xoves no Auditorio Municipal pezas de Vivaldi, Mozart, Bach, Falal e Granados

mércores, 23 feb 2011

O Auditorio Municipal acolle mañá, 24 de febreiro, unha nova actuación organizada pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural dentro do seu programa estable de artes escénicas. Será o concerto que ofrecerá a Sociedade Filharmónica, integrada polo dúo do pianista Juan Manuel Varela e a soprano Aida López Carrera, a partir das 20.30 horas. As entradas teñen un prezo de 5 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.