Escoitar

Máis de cen mil persoas visitaron o MARCO no 2011

Finalizado 2011, o MARCO de Vigo fai balance das actividades postas en marcha dende o Museo durante os últimos doce meses, entre as que destacan as exposicións temporais e a programación didáctica para público infantil e adulto, entre moitos outros eventos e actividades. O balance cuantitativo, cun cómputo global de 116.556 visitantes en 2011, foi o máis elevado na historia do MARCO dende a súa apertura ao público a finais de 2002.

martes, 10 xan 2012
1326203185marco2011.jpg
Exposicións temporais
Tanto a mostra de VIRXILIO VIEITEZ, clausurada a finais de abril, como a de MARTIN CREED entre maio e setembro, ambas as dúas na planta baixa, tiveron unha excelente acollida por parte do público. Ao longo deses meses, diversas actividades paralelas —programación para escolares, talleres infantís de fin de semana, visitas guiadas, e actividades específicas— contribuíron a dar especial visibilidade a dous proxectos de produción propia, con gran repercusión e difusión en medios. Pola súa banda, as salas da primeira planta acolleron o ciclo ‘ENTRAR NA OBRA’, comisariado dende o propio Museo, con cinco mostras individuais de Loreto Martínez Troncoso, Wilfredo Prieto, Rubén Grilo, Karmelo Bermejo e Amaya González Reyes. Este último proxecto, xunto coa exposición colectiva YOU ARE NOT ALONE nas salas da planta baixa, e a instalación de ABIGAIL LAZKOZ no espazo do vestíbulo, inauguradas durante o último trimestre de 2011, están aínda abertas ao público.

Programa educativo
A programación didáctica do MARCO continuou o seu ritmo habitual en 2011, con propostas para público familiar (actividades infantís de fin de semana, talleres de verán), escolares (visitas e talleres para alumnado de infantil, primaria e secundaria), adultos (cursos de iniciación á arte contemporánea, visitas comentadas ás exposicións) e visitas guiadas para grupos con necesidades específicas. Tanto polos seus contidos e metodoloxía coma polas cifras de participación, o programa educativo segue sendo unha das principais vías de achegamento á arte contemporánea, principalmente a través do contacto directo coas obras presentes en salas, como no caso de ‘O instante detido’ ou ‘A metade do aire’, títulos dos programas educativos en torno ás exposicións de Virxilio Vieitez e Martin Creed, respectivamente.

Cifras visitantes
O balance cuantitativo, cun cómputo global de 116.556 visitantes en 2011, foi o máis elevado na historia do MARCO dende a súa apertura ao público a finais de 2002. A evolución nas cifras ao longo destes anos —que suman un total de 743.333 visitantes ata a data— permite afirmar que se mantivo un ritmo continuo e ascendente.

2002 2003 2004 2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011
24.040 51.955 47.095 58.470 72.470 87.027 96.120 96.081 93.519 116.556

Biblioteca-Centro de documentación
Ao longo de 2011, a Biblioteca-Centro de documentación traballou eficazmente no seu obxectivo de proporcionar información bibliográfica, hemerográfica e audiovisual sobre a arte do século XXI e outros aspectos da cultura contemporánea, ademais dos servizos de consulta en sala, acceso a Internet, e envío de boletíns electrónicos de novidades e convocatorias. As mostras bibliográficas sobre fotografía histórica, sobre a doazón da biblioteca de Francisco Mantecón, e a participación na campaña de Bookcrossing con motivo do Día Internacional do Libro, foron outros exemplos de actividades de difusión organizadas dende a Biblioteca.

Agrupación de Amigos do MARCO
Os membros da Agrupación de Amigos continuaron participando moi activamente nas actividades propostas dende o Museo, sexa con motivo de celebración especiais —como o Día Internacional do Museo en maio ou a Festa Aniversario a mediados de novembro— ou nos programas organizados dende a propia Agrupación, como as visitas guiadas ás exposicións, o ciclo ‘MARCO Extramuros’, os percorridos ‘Coñeces a túa cidade, coñeces o teu contorno?’, as viaxes culturais, ou os encontros literario-gastronómicos do ‘Café Voltaire’, organizados coa Fundación Carlos Casares.

Outras colaboracións
No espazo do salón de actos sucedéronse, durante este ano, unha parte dos concertos do Festival SINSAL, que mantivo o seu nivel de calidade e a súa aposta por achegar ao público as músicas contemporáneas e as propostas máis vangardistas. O Festival de Jazz Imaxina Sons, o Festival Espazos Sonoros, ou o ALT’11 no campo das artes escénicas, foron outros exemplos de colaboración do MARCO con distintas entidades e institucións. A programación audiovisual incluíu a nova edición de ArtFutura, ‘Repasando o futuro’, e unha novidosa colaboración co Festival AMAL co ciclo de cinema experimental euroárabe. Pola súa banda, a exposición YOU ARE NOT ALONE brindou unha excelente oportunidade de cooperación con entidades, asociacións e ONG da cidade, que tivo o seu reflexo nas actividades organizadas dende o MARCO con motivo do 1 de decembro, Día Mundial contra a SIDA.
Descargar todas as imaxes