Escoitar

O alcalde ratifica a vontade política do Goberno municipal de manter o Arquivo Pacheco

Abel Caballero avanzou esta mañá que a xestión do Arquivo Pacheco, un "magnífico proxecto" sairá a concurso público para que se poidan presentar todas as empresas que así o decidan. O rexedor ratificou a vocación política do Executivo local de manter esta mostra porque "é unha das grandes riquezas da cidade, memoria vivinte dos últimos 100 anos".

martes, 3 xan 2012
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou hoxe martes que a xestión do Arquivo Pacheco adxudicarase cunha contratación pública con competencia e publicidade, antes, segundo indicou, funcionaba con contratos ad hoc. Este "magnífico" proxecto, ben orientado polo goberno anterior, vai seguir a súa andaina de mans da empresa que se presente ao concurso e sexa a mellor valorada polos técnicos. Logo de trasladar a vocación política do Executivo local por manter e pasar a soportes informáticos o material fotográfico que compón o arquivo, explicou que permanecerá sen acceso o prazo de tempo máis breve posible, o mínimo para facer un prego de condicións, sometelo á avaliacións dos técnicos e adxudicar.

Cualificou a mostra como "unha das grandes riquezas da cidade, memoria vivente dos últimos 100 anos" e anunciou que os ordenadores para que o público acceda ao material estarán dispoñibles nuns días, despois de que os informáticos municipais os revisen.