Escoitar

Caballero felicitou ao Tao polo seu dobrete no Nacional de taekwondo e o club fará exhibicións na cidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, recibiron hoxe aos medallistas do Ximnasio Tao para felicitarlles polos éxitos colleitados hai uns días no Campionato de España de taekwondo, en Logroño, onde o equipo A rematou ouro e o B foi prata en exhibición, o que nunca sucedera.

luns, 2 xan 2012
1325509615taekwondo.jpg
O Tao, que acudiu a Alcaldía con todos os seus deportistas (cada equipo está formado por nove taekwondistas), é a referencia nacional nesta modalidade, que domina dende hai seis anos. O alcalde quere que o Tao "faga exhibicións en Vigo; esta disciplina ten na cidade un importante nivel e queremos que este deporte teña o seu espacio", sostivo Caballero.

No encontro, o rexidor felicitou aos compoñentes do Tao pola súa xesta colectiva, o derradeiro gran éxito do deporte vigués en 2011, interesouse polo desenvolvemento desta disciplina e o historial do club (fundouse en 1985); ademais, Miguel Meilán, director do ximnasio e tamén director técnico da Federación Galega de Taekwondo, solicitou o apoio do Concello "para poder viaxar a máis eventos".

En 2008, o Tao conquistou o título mundial oficioso de técnica ao imporse no Open WTKA, celebrado na localidade italiana de Marina de Carrara, e tamén colocou a Galicia no máis alto nos Campionatos de Europa universitarios, en Braga en 2009.

A idade dos membros do Tao va dende os 16 aos 27 anos e levan dende os 5 anos adestrando "porque isto non é froito dun ano, senón que vén de moi atrás", asegurou Meilán. Xunto cos dous equipos, Meilán presentou ao alcalde á subcampioa de España de categoría benjamín, Celia García, que con 10 anos é a nova promesa da factoría Tao.
Descargar todas as imaxes