Escoitar

Caballero inaugura "Presenza activa. Acción, obxecto e público", a nova mostra interactiva do MARCO

O alcalde participou este xoves na rolda de prensa de inauguración de "Presenza activa. Acción, obxecto e público", a nova mostra que acolle o Museo de Arte Contemporánea de Vigo desde hoxe ata o próximo 2 de setembro. As obras que comprenden esta exposición abordan dúas disciplinas artísticas, a acción e a instalación, que son espello unha da outra. Abel Caballero salientou a "calidade" das performance e a "imaxinación" dos artistas.

xoves, 9 feb 2012
1328793566marco.jpg
A inauguración de "Presenza activa. Acción, obxecto e público" durará desde hoxe xoves ata o próximo sábado, tres días consecutivos nos que os visitantes terán a ocasión de interactuar coas obras e os artistas participantes na mostra, presentes en Vigo durante estas xornadas.

"Presenza activa. Acción, obxecto e público" está comisariada polo director do CCA de Tel Aviv, Sergio Edelsztein, e pola comisaria para o EMPAC de Troy (NY), Kathleen Forde, e está coproducida con LABoral, Centro de Arte y Creación Industrial, Gijón, onde se poderá visitar entre outubro de 2012 e marzo de 2013.

As obras que comprenden a mostra abordan dúas disciplinas artísticas, a acción e a instalación, que son espello unha da outra. De feito, ambas están baseadas no mesmo principio de presenza activa. Na performance, a presenza do artista; na instalación, a do espectador. Esta perspectiva é especialmente útil para agrupar o traballo dos artistas que compoñen a mostra: Maja Bajević, John Bock, Gary Hill, Thom Kubli, Mads Lynnerup, Alastair MacLennan, Sergio Prego, La Ribot, Carlos Rodríguez-Méndez, SUE-C+AGF.
Descargar todas as imaxes