Escoitar

O alcalde indica que os recursos para políticas activas de emprego suben un 7,8% en 2012 e crearán 336 postos de traballo

Abel Caballero desglosou este xoves o capítulo de políticas activas de emprego incluído no borrador de orzamento municipal para 2012, unha partida que incrementa en case un 8% os recursos asignados pese á caída nun 2% dos ingresos do Concello. Os programas de inserción, de axudas á contratación e á creación de emprego xerarán 336 postos de traballo, aos que sumaranse os aproximadamente 500 derivados do investimento público.

xoves, 9 feb 2012
1328792682alcalde5.jpg
O alcalde de Vigo considera o emprego o "núcleo central ao que adicamos os orzamentos do ano 2012", en fase de tramitación administrativa, polo que a partida neste apartado aumenta un 7,8% pese á caída dos ingresos do Concello do 2%.

Tras explicar onte que o Concello prevé xerar uns 500 postos de traballo coas políticas keynesianas de emprego -o investimento público municipal-, o primeiro edil afondou hoxe neste campo e adiantou que o goberno local creará outros 336 contratos mediante programas de inserción laboral, de axudas á contratación e á creación de emprego.

Segundo detallou, o Concello sumará 40 empregos con cargo ao Fondo Social Europeo, outros 10 polas iniciativas de orientación laboral, 22 co Plan Activo de Emprego, 92 co programa UTIL, 84 en proxectos de cooperación, 60 polas axudas a emprendedores e 28 en achegas á contratación. "En total, o Concello de Vigo no ano 2012, neste programa de políticas activas de emprego, vai xeral 336 empregos", asegurou o rexedor.

Sumando os 500 das políticas keynesianas de emprego, o goberno que preside Caballero sumará en 2012 "836 empregos xerados solamente nestes dous programas dos orzamentos municipais", o que fala da "importancia dos orzamentos locais para a xeración de emprego".

En comparación co orzamento de 2011, as políticas activas de emprego suben no borrador deste ano un 7,8%. O alcalde valorou que "nun momento no que todas as administracións reducen orzamentos, nun momento no que a administración local reducíu un 2% os seus ingresos, a partida de política activa de emprego sube case un 8%".
Descargar todas as imaxes