Vigo celebra o Día de Galicia reivindicando a súa transformación en referente para o país

xoves, 23 xul 2026

O Concello conmemorou o Día de Galicia nos xardíns históricos de Castrelos, nun acto no que Abel Caballero destacou que Vigo avanza con máis forza ca nunca ao carón do resto de Galicia e coa vista posta en ser sede mundialista no ano 2030. O rexedor puxo en valor a transformación da cidade e o "orgullo de ser de Vigo, desde o liderado e desde a unidade. Camiñando unidos, toda a cidade unida, tendendo a man amiga a toda Galicia". Por outra banda, o pregoeiro, David Regades, reivindicou o papel de Vigo como motor de Galicia e defendeu o modelo da cidade "de excelencia e non low-cost". O delegado do Estado da Zona Franca tamén defendeu a acción das persoas traballadoras e sinalou que o emprego que xera valor engadido merece bos salarios e boas condicións laborais.

O alcalde recibe aos axentes portugueses que traballan na cidade este verán

mércores, 22 xul 2026

Abel Caballero saudou aos dous axentes da Policía de Segurança Pública portuguesa que durante quince días deste mes de xullo traballarán xunto á Policía Nacional na Comisaría de Vigo-Redondela. Na súa visita á Sala de Control do Tráfico da Policía Local o rexedor desexoulles a mellor sorte e aprendizaxe nestas xornadas de colaboración internacional. O Proxecto Comisarías Europeas comezou en 2008 coa misión de formar patrullas mixtas para atender no propio idioma ao turista desprazado a zonas de especial interese turístico ou con motivo de eventos socioculturais de relevancia.

Un grupo de alumnado da Universidade de Pekín visita o Concello

mércores, 22 xul 2026

O alcalde recibiu este mércores a un grupo de estudantes chineses da Universidade de Pekín, que está gozando dunha estadía formativa na cidade para aprender español. Abel Caballero deulles a benvida a Vigo, convidounos a coñecer a nosa historia e a visitar algúns dos lugares destacados e a probar os manxares da gastronomía olívica.

O Concello homenaxerá ao campión do mundo, Borja Iglesias

mércores, 22 xul 2026

O alcalde anunciou que a cidade homenaxerá a Borja Iglesias, "o panda", polo seu éxito no Mundial de Fútbol 2026 celebrado nos Estados Unidos no que a Selección Española acadou a súa segunda estrela. Iglesias é o primeiro galego e o primeiro xogador do Celta en gañar un Mundial polo que "queremos distinguir unha gran acción deportiva de quen levou as siglas do Celta de Vigo e o nome do Celta detrás del".

O alcalde reivindica o PXOM para un modelo urbano propio e afrontar os retos do futuro

xoves, 16 xul 2026

O alcalde e presidente da Fundación ProVigo, Abel Caballero, inaugurou este mércores o III Debate da entidade, dedicado a "Deseñar a cidade do futuro (Parte I): Urbanismo, innovación e sustentabilidade". Na xornada participaron tamén a cuarta tenente de alcalde e responsable da Área de Urbanismo e Vivenda, María José Caride; o presidente da Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Manuel Martínez Carazo; e a directora de Innovación para Mercados Estratéxicos de Gradiant, Antía Fernández López.Durante a súa intervención, o rexedor reivindicou os máis de vinte anos de transformación urbana de Vigo e defendeu o PXOM como "o elemento diferencial" para afrontar os retos da segunda metade do século, incorporando desafíos como o cambio climático, a innovación tecnolóxica e o acceso á vivenda. "Queremos liderar a transformación das cidades da segunda metade do século", sinalou Caballero, quen apostou por un modelo urbano propio e diferencial para responder ás novas necesidades da cidadanía.