Escoitar

Á venda as entradas para o concerto que Public Enemy ofrecerá en Castrelos o 5 de agosto

Xa están á venda as entradas para asistir ao concerto que o grupo de hip hop Public Enemy ofrecerá no auditorio de Castrelos o día 5 de agosto ás 22 horas. Puxéronse á venda un total de 3.500 entradas, a un prezo de 10 euros adquiríndoas anticipadamente e 12 euros en taquilla. Poden mercarse a través de www.servinova.com, no teléfono 902 504 500 e na Central de Espectáculos (rúa Velázquez Moreno).

venres, 18 xuñ 2010
Public Enemy é xa un grupo mítico de hip hop, que conta con 14 discos no mercado dende que comezaron no ano 1982. Como mostra da transcendencia da súa música, a revista Rolling Stone incluíu á banda na lista dos 100 artistas máis importantes da historia, situándoos no posto 44, diante de nomes como Police, Radiohead ou AC/DC. Ademais, a revista Q magazine elixiu en 2009 ao seu cantante Chuck D entre os 50 mellores vocalistas de todos os tempos.

Durante os seus en case trinta anos de traxectoria, a banda de Nova York ten entre o seu repertorio himnos xeneracionais como "Don't Believe The Hype", "Fight The Power" ou "Bring the noise", e os seus directos son recoñecidos pola enerxía que desprenden. O seu concerto será a actuación encargada de abrir O Marisquiño 2010, un dos eventos de deportes urbanos máis importante de Europa.